O Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da primeira fin de semana de maio.
BURELA
Burela celebra as súas patronais. O sábado, a veciñanza elaborará desde a mañá as alfombras florais. A sesión vermú será ás 12.00 horas, e ás 21.00 comezará a misa cantada, coa posterior procesión de baixada ata o altar do porto. Ás 23.00 horas, Israel e Garibaldi amenizarán a verbena.
O domingo, a misa será ás 11.45 horas no porto, coa posterior procesión marítima, na que a Virxe do Carme irá no buque Sempre San Prudencio. A sesión vermú comezará ás 14.15, amenizada por Ritmo Joven, que repetirá de noite xunto a El Combo Dominicano.
O luns, desde as 12.00 horas, subiranse as imaxes de novo á igrexa. Trébol porá ritmo á sesión vermú e pola noite turnarase coa orquestra Panorama.
OUROL
A parroquia de Ambosores, en Ourol, celebra esta fin de semana, sábado e domingo, as festas da Ascensión.
RIBADEO
O domingo (auditorio Hernán Naval, 20.00 horas), Ribadeo únese contra o cancro nunha gala benéfica na que haberá teatro, música ou danza.
VIVEIRO
O sábado presentarase o pasaporte da Ruta Subacuática da Expedición Cántabra, a primeira de Europa.
Ás 10.00 horas será a presentación, no consistorio, para despois realizarse ata seis saídas ao pecio da fragata Magdalena desde as 12.00 ata as 17.00 horas. Participarán buzos de toda España.
Tamén o sábado, desde as 12.00 horas, proposta para crianzas: a biblioteca municipal acollerá unha sesión de contacontos con Raquel Queizás, sobre a figura de Antón Fraguas.