Dezaseis centros educativos participan nas xornadas ‘A Poesía que sentimos‘, que impulsa a Microrrede de bibliotecas da Mariña Lucense. Viveiro acolleu este martes o acto inaugural do programa, ao que asistiu a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e da alcaldesa, a socialista María Loureiro, entre outras autoridades.
As actividades, que convidarán ao alumnado a reflexionar sobre a arte poética, son froito dun proxecto colaborativo realizado entre as 16 bibliotecas mariñás tomando como base o lema proposto pola Consellería para este curso 2018/19, ‘Poéticas diversas na biblioteca escolar‘.
As xornadas os días 4, 5 e 6 de xuño en Viveiro. Tras a inauguración celebrouse un recital poético a cargo das nenas e nenos da EEI San Roque, así como dúas actuacións do Conservatorio de Música de Viveiro. Tamén participaron o creador de historias Antón Cortizas e a asociación Tá en Artes, que pintou en directo na rúa trasladando as palabras poéticas ao debuxo para espertar emocións.
TEATRO, MÚSICA E LITERATURA
Este mércores será a quenda do teatro, cunha obra contra o acoso escolar da agrupación teatral da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, ‘Es único: teatro contra o bullying‘. O xoves pecharanse as actividades cun concerto audiovisual a cargo de David Catá e Juan Cabalar e coa presentación do libro ‘Esta non é outra historia de piratas‘, da mestra e escritora María Rollé.

EXPOSICIÓN
As xornadas complétanse cunha exposición de traballos elaborados polo alumnado dos centros educativos que compoñen a Microrrede A Mariña, que se pode visitar no salón multiusos do consistorio viveirense.
Ademais, o Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) difundirá a poesía oral en voz das nenas e nenos por megafonía nas rúas do casco histórico e os establecementos da zona exporán tamén a poesía manuscrita feita polo alumnado.
Na Microrrede A Mariña participan as biblioteca escolares da EEI San Roque (Viveiro), do CEP Lois Tobío (Viveiro), do CEIP de Celeiro (Viveiro), do CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), do CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo (Viveiro), do CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove), do CEIP de Cervo (Cervo), do CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela), do CEIP Castro de Ouro (Alfoz), do CEIP Fondo-Nois (Foz), do IES María Sarmiento (Viveiro), do IES Vilar Ponte (Viveiro), do IES Perdouro (Burela), do IES Monte Castelo (Burela), do IES Illa de Sarón (Xove) e da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ribadeo.
“BIBLIOTECAS INCLUSIVAS”
Durante a súa intervención, Pomar explicou que se está a “avanzar con firmeza” cara a un modelo de biblioteca inclusiva, “que responda, de xeito real, ás necesidades de todo o alumnado e que enfronte os retos que a diversidade presenta. As experiencias que se están a levar a cabo na Microrrede son un moi bo exemplo deste papel, así como do compromiso das comunidades educativas coa formación dos máis novos”, sinalou, felicitando a docentes, alumnado e familias implicadas polo traballo realizado.