InicioCultura"O Gardarríos é un mito que representa todo o que a xente...

“O Gardarríos é un mito que representa todo o que a xente non podía ser ou facer no franquismo”

A historiadora Ana Cabana participará o sábado na mesa redonda prevista durante a homenaxe a Luís Trigo Chao e Antonia Díaz, guerilleiros antifranquistas da Mariña

Publicada o

- Advertisement -

Mondoñedo e Lourenzá acollerán o 22 de xuño unha homenaxe aos guerrilleiros antifranquistas Luis Trigo Chao “O Gardarríos” e Antonia Díaz Pérez, asasinados o 25 de xuño do 1948 en Vilanova. A comisión popular Memoria da Mariña organiza por segundo ano consecutivo un acto de recoñecemento a súa loita pola democracia, que nesta ocasión se extende a todas as persoas que os axudaron e asumiron os riscos de enfrontar a ditadura.

O programa de actos comezará ás 12.00 horas na casa da xuventude de Mondoñedo, cunha mesa redonda na que participará, entre outros especialistas, a doutora en Historia Ana Cabana (Castro de Rei, 1976).

MITO

P. Sobre que tema xirará a túa intervención?

R. Falerei sobre dous aspectos que estudei sobre o Gardarríos, que non foron tanto a súa biografía senón a rede de enlaces coa que contou e, sobre todo, o mito que se creou arredor da súa figura. O mito do guerrilleiro. É algo que se investigou en moitos ámbitos con respecto a diferentes persoas. O caso do Gardarríos é paradigmático.

“o gardarríos é paradigma da lenda do guerrilleiro. atribúeselle toda clase de cualidades asociadas ao valor”

A memoria colectiva atribúelle toda clase de cualidades e virtudes asociadas ao valor. El era o máis alto, o máis guapo, o mellor tirador, o que nunca tiña medo, o que amedrentaba á Garda Civil. Non se lembran ou non se mencionan accións reais. A súa persoa asóciase con todo aquilo que a xente normal non podía ser ou facer durante o Franquismo de forma que se constrúe un mito absoluto.

É habitual este tipo de construción social arredor dos guerrilleiros?

Hai algúns casos. Podemos relacionalo co mito dos bandoleiros do que falou o historiador británico Eric Hobsbawm. El explica que no século XIX as sociedades rurais asociaron a algunhas persoas esa idea de home bo, de Robin Hood. Son construción que a sociedade necesita en épocas de moita postración. Crease unha capa mítica sobre persoas reais, con méritos reais.

A que fontes acudiches para investigar a creación deste relato?

Por un lado, a fontes oficiais, revisei todas as causas militares nas que aparecía o seu nome, no Arquivo Militar de Ferrol, e a documentación da Falange, no Arquivo General da Administración en Madrid; e, por outro, a fontes orais, entrevistas á veciñanza da zona de Mondoñedo, Abadín e A Pastoriza, que foron depositadas no arquivo de Historia Oral de Galicia (Historga).

RESISTENCIA

A creación dese mito do Gardarríos revirte, dalgunha maneira, a idea de que a poboación rural foi submisa ao Franquismo?

É unha resposta complicada. Revirte a idea de submisión total. Pero non podemos ampararnos niso para ir ao extremo contrario e decir que todos foron heroicos. Hai un punto medio, unha resistencia cotiá, que indica que a xente non ofreceu submisión e consentimento sempre e en todo lugar ao Franquismo.

“no franquismo non houbo submisión total, senón un punto medio. a guerrilla non tería sobrevivido sen apoio popular”

A guerrilla non tería sobrevivido sen o apoio sen o apoio popular, sen as persoas que lles deron acubillo e comida ou que lles levaban as cartas. Iso quere decir que todas esas persoas eran claros antifranquistas? Que axudaban á guerrilla coa clara convición de acabar con Franco? Non. Algúns actuaron así por afinidade ideolóxica, porque tiñan interiorizados principios comunistas, socialistas ou anarquistas.

Pero moitas veces a axuda á guerrilla impúxose como axuda a un veciño, a un familiar, a alguén que o estaba pasando realmente mal. Explícase polas redes e lazos anteriores á Guerra Civil. Iso, por suposto, foi un apoio imprescindible para o elemento sustancial antifranquista do momento, que era a guerrilla. Pero creo que convén ser minucioso na explicación e na interpretación.

ANTONIA DÍAZ

Que papel tivo Antonio Díaz nesa loita contra o Franquismo?

A verdade é que eu mesma espero aproveitar a homenaxe para profundar niso. Ela morreu canda o Gardarríos pero é moito menos coñecida. Iso ten moito que ver co pouco que  coñecemos as mulleres guerrilleiras e as mulleres que acompañaron aos guerrilleiros. Apenas se fixeron estudos con perspectiva de xénero, salvo os da profesora Aurora Marco.

“das guerrilleiras non sabemos case nada. as fontes oficiais son perniciosas e as orais falan de ‘compañeiras de'”

O acceso ás figuras femininas é moi difícil porque non existen fontes. As fontes oficiais son totalmente perniciosas con respecto ás mulleres. As causas militares e os documentos de Falange describen as mulleres das guerrillas sempre como prostitutas. Non lles dan valor, de ningún tipo. Son totalmente desestimadas como suxeitos políticos.

As fontes orais, desgraciadamente, tampouco. So quedaron na memoria como “compañeiras de”. No caso de Antonia Díaz, como unha muller namoradísima, máis nova ca el, que morreu no mesmo tiroteo. Hai un silencio, un pano sore elas, que deberamos limar pero é moi difícil porque non queda con que facelo.

O ASASINATO DE VIADOR

Que tivo que ver o Gardarríos coa morte do falanxista Jose Viador?

Gardarríos converteuse nun mito, basicamente, por dar morte a Jose Viador, xefe provincial da Falange. Trátase dunha figura que infundía auténtico pánico entre a poboación. Cando chegou a zona de Mondoñedo, fíxose cun monte veciñal, a Fraga Vella, situada entres os concellos de Abadín, Mondoñedo e Alfoz.

As parroquias lindantes utilizaban o terreo para levar o gando, recoller estrume e leña. El cercouno e obrigou á xente a traballalo gratuitamente. Iso valeulle o odio absoluto da poboación, que non so perdía unha terra imprecindible para a supervivencia senón que tiña que traballar para el.

“o gardarríos converteuse en mito por matar a josé viador, xefe provincial da falaxe que espertaba pánico e odio”

Segundo se documenta en fontes xudiciais, cando Viador morreu, as autoridades mandaron investigar aos veciños da zona como posibles responsables. Para facerlles falar impuxéronse unha multa moi gravosa e ameazáronos con incautar o gando.

Moitos pasaron polo cuartel onde foron interrogados e torturados -a algúns entrevisteinos no 2000, cando fixen a investigación- pero ninguén dixo nada. As autoridades rendéronse sen esclarecer a morte, que nas causas militares acabou atribuíndose ao Gardarríos. Crían que os veciños puideran intervir ou pedirlle que a Trigo que o matara, pero non o puideron demostrar.

SANCIÓNS

Que parroquias foron sancionadas?

San Xoán de Romariz, en Abadín; San Martín de Figueiras, O Pereiro e Oirán en Alfoz, e as aldeas de Sestelo e Tronceda, en Mondoñedo. Impúxoselles unha multa de 25.000 euros a cada parroquia pero, finalmente, pagaron por prorrateo, en función do número de veciños. Abadín tivo que pagar 62.676 pesetas. Alfoz, 42.627 pesetas. Mondoñedo, 19.697 pesetas. Cantidades moi importantes para a época.

“cando viador morreu, impúxose multa ás parroquias para obrigar a falar. cantidades moi importantes. houbo torturas. pero ninguén falou”

Que hai de certo nas versións sobre a morte de Viador?

As parroquias involucradas gardan a memoria moi clara de que foi o Gardarríos quen o matou. Se cadra o repetiron tantas veces que o creron e o asumiron. Se cadra, non. Probablemente non o saibamos e tampouco importe tanto se alguen llo pediu ou o fixo de motu propio cando viu o maltrato ao que os sometía.

Sen embargo, fóra dalí, na Terra Cha, por exemplo, esas parroquias quedaron dalgún xeito mitificadas, como os valentes que mataron o Viador. “Matarono e nunca nada se soubo”.  E a verdade é que a historia ten a súa singularidade. As medidas de presión eran moi duras. A multa supoñía moitos cartos para esa época e que te ameazaran con quitarche o gando era tanto como levarte a morrer de fame. Eran os anos 40.

Que lóxica explica que se comportaran así?

O grao de medo e maltrato ao que se vían sometidos. Que lles quitaran o terreo, algo comunal, era visto como unha inxustiza absoluta. Era un terreo básico para a supervivencia. O medo o sentimento de inxustiza contribúe a facer un nosoutros.

“o gardarríos é exemplo da politización en américa. responde ao perfil dos que aprenderon, volveron e foron líderes de agrupacións”

A EMIGRACIÓN

Que pouso político ou social deixou a presenza de guerrilleiros?

Os historiadores non estamos moi certos de ata que punto foi sustancial para un territorio. Foron poucos anos de actividade, desde que comezou a Guerra Civil ata finais dos 40. Ata que puntos deixou pegada? Como se mide? Na miña opinión, o determinante non foi a presenza da guerrilla senón a influencia da emigración á América e a apertura da Segunda República.

Moitos aprenderon na emigración, en Cuba ou Arxentina, o que era un sindicato, o comunismo, o socialismo. Os que volveron foron despois líderes de agrupacións que contribuíron a politizar a sociedade. O Gardarríos responde a ese proceso de politización dos anos anteriores á Guerra. En pobos e concellos pequenos nos que hoxe políticamente non se move nada, había agrupacións de todo color e condición, facíanse publicacións. O Franquismo loitou corenta anos contra iso. E fíxoo moi ben. Ata que non quedou nada na memoria.

“no franquismo non se falaba de política porque era unha maneira de estar protexido”

No Franquismo non se falaba de política porque era unha maneira de estar protexido. Ese pasado era algo do que había que fuxir e sobre o que había que calar. Nos últimos anos da Ditadura, xurdiron sindicatos e loitas veciñais contra as minas, polos montes. Pero é difícil trazar unha liña recta que vincule unha cousa e outra.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...