A Feira do Libro de Ribadeo mudará de sede para achegarse aos nenos. Os actos programados no evento celebraranse na vella oficina de turismo e as dez casetas dos negocios participantes espallaranse polo paseo do parque de San Francisco. É unha das novidades que trae a quinta edición da cita, que se celebrará do 29 de xuño ao 1 de xullo e que presentaron o concelleiro de cultura, Farruco Graña, a técnica municipal nesta área, Neves Paz, e os responsables das librarías Galgo e Vivín.
Graña explicou que “a feira vai estar no mesmo lugar, no parque de San Francisco, pero vai ter como sede de operacións a vella oficina de turismo, o que agora chamamos a sala de exposicións de San Francisco”. O obxectivo do goberno local con esta medida é “combinar a presenza dos nenos no parque coa dos libros, porque hai que pensar nas crianzas como o futuro baluarte da nosa literatura”.
MARICA CAMPO ABRIRÁ A CITA E CANDIDO PAZÓ ENCARGARASE DA CLAUSURA
ACTUACIÓN “SORPRESA” O DÍA 30
Así, o programa da feira inclúe actividades para nenos, ademais de presentacións de novela negra ou libros gastronómicos. A escritoria do Incio Marica Campo encargarase de abrir o evento, que clausurará Cándido Pazó. O Concello ten reservada unha actuación sorpresa para o sábado 30, que “será o froito de esforzos entre distintas administracións que deron lugar a unha actuación singular na que combinaremos música, literatura e a tradición galega e americana”, explicou Graña.
CHISCADELAS A OUTRAS FESTAS
A feira do libro ribadense tamén terá unha chiscadela para outras festas do municipio. Así, o cartel de promoción adicarase ás pinturas de San Pedro de Arante e haberá unha exposición sobre o Ribadeo Indiano. O grupo de teatro da Pontenova, que representará unha paisaxe de ‘A horta das cerdeiras’.
POSTOS
Terán o seu posto na fera o Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo, Librería Anticuaria Galgo, Portobello Market, Librería Vivín, Librería Gráficas Santiago, Librería Pícaros Mundi, Librería Bahía, Librería Nobel, Editorial Canela, Editorial Embora e Editorial Bululú.