O festival MindoMúsica de música de cámara, que se celebrará na cidade episcopal entre o 9 e o 12 de xullo, levará ao escenario partituras que se conservan no arquivo da catedral de compositores locais como Pascual Veiga ou José Pacheco.
A violinista mindoniense Rebeca Maseda, co apoio do Concello, impulsa unha cita na que tamén participarán Antonio Viñuales –violín-, Alberto Rodríguez –viola-, Iván Siso –violoncello-, Yolanda Fernández –clarinete- e Rosalía Gómez –piano-.
A iniciativa pretende revalorizar os grandes compositores mindonienses a través do estudo, interpretación e adaptación da súa música.
O festival contará con dúas partes diferenciadas. Por unha banda, entre o martes 9 e o mércores 10 desenvolveranse unha serie de coloquios, clases interactivas e ensaios abertos aos máis pequenos no marco da programación de campamentos de verán da Escola Municipal de Música.
Por outro lado, o xoves 11 e o venres 12 desenvolveranse os ensaios xerais e dous concertos.
CONCERTOS
Os recitais terán lugar en dous escenarios: a catedral de Mondoñedo e o auditorio municipal Pascual Veiga, respectivamente.
Ambos recitais comezarán ás 20.30 horas e a entrada será de balde ata completar aforo. O primeiro, denominado ‘Unha viaxe de ida e volta’, desenvolverase na catedral e contará con música de Mozart, Webern, Turina e obras conservadas no Arquivo de Música da Catedral de Mondoñedo.
No segundo, ‘Xenialidades varias’, os músicos participantes tocarán no auditorio municipal pezas de Gaos, Schumann e Prokofiev.
DIVULGACIÓN
O concelleiro de educación, cultura e novas tecnoloxías de Mondoñedo, Alberto García, remarcou a “importancia e responsabilidade que temos en investigar e manter viva a interpretación musical de compositores mindonienses poñendo énfase na súa produción musical nun evento destas características”.
Así, agradeceu a Maseda “a súa iniciativa de intentar que as partituras e manuscritos que se conservan no arquivo da catedral se leven ao escenario e dalos así a coñecer ao público”.