Aínda que pasaron polo Resurrection Fest grupos como Slipknot ou Slayer, o gran protagonista da décimo quinta edición do festival foi o rioxano Álex Domínguez, que surfeou na súa cadeira de rodas a multitude congregada en Viveiro nunha foto que quedará para a historia do evento.
O propio mozo explicoulle a historia detrás da instantánea -tomada por Daniel Cruz, fotógrafo oficial do festival- a Daniel Ortiz, xornalista do diario dixital da Rioxa NueveCuatroUno.
Nun vídeo, Domínguez explica que poder ver desde o aire -sostido polas mans dos seguidores- os concertos de grupos como Trivium ou Arch Enemy foi “unha sensación de liberdade, de adrenalina, de que non hai límites nin barreiras”.
O mozo aclarou sobre algunhas especulacións que foi el o que pediu ao público que termase del. “Eu dixen que quería subir”, indica, para resaltar que valora o feito “como un xesto de humanidade, de que hai que loitar por un mundo máis igual e un festival é para todos”.
O rapaz supera cada día os límites impostos, máis que pola súa discapacidade física, polos “prexuízos. Dicían que non ía poder falar ou escribir e aquí estou, estudiando Dereito. Cheguei máis lonxe do que pensaba e é posible sobre todo se tes compaña como a familia”, sostén.
600 QUILÓMETROS
Sobre o Resu, ao que chegou tras facer 600 quilómetros acompañado de súa nai, asegura que volverá. “Desde novembro xa estiven coa mosca esa na cabeza, quería ir e pillei o bono do festival. Quero volver aí“, afirma, para animar ás persoas con algunha limitación física a que “non vos quededes pechados na casa. Animádevos a vir, a baixar, que estades en boas mans“, conclúe.