O concerto de Rosa Cedrón será un dos grandes atractivos da oitava edición do festival Aturuxo de Bravos, que se celebrará os días 19 e 20 de xullo.
O deputado de turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, o alcalde de Ourol, José Luis Pajón, e as representantes da asociación cultural que organiza o evento, Aturuxeiros, Carmen Rivera e Carmen Seijas, presentaron este xoves o encontro no Pazo de San Marcos.
O programa comezará o venres, ás 21.00 horas, coa actuación de Farrapos de Ghaita. Tamén haberá unha cea con paella, xamón cocido e bocadillos, e para rematar esta xornada, celebrarase unha foliada libre.
CONCERTOS
O sábado día 20, o cuarteto Illa Pancha amenizará unha sesión vermú que dará paso á comida a prezos populares. Ás 16.00 horas comezarán os xogos tradicionais interxeneracionais e de auga. Ás 18.00 horas haberá animación a cargo de Pakolas e durante a tarde Laura Romeu estará pintado e expoñendo.
Ás 21.30 horas iniciaranse os concertos, coas actuacións de Rosa Cedrón, Collón de Lola, Zënzar e o Som do Galpom.
AUTOBUSES DE BALDE DESDE VIVEIRO
Haberá autobús gratuíto desde a estación de autobuses de Viveiro a Ourol, que realizará paradas ao longo do percorrido. Así mesmo, tamén será de balde a entrada e a acampada.
“APOIAR O RURAL”
O colectivo cultural Aturuxeiros conta para impulsar esta cita musical co apoio da Deputación de Lugo e do Concello. A presidenta da agrupación, Rivera, resaltou que “se queremos que o rural non esmoreza, hai que apoialo”.
Remarcou que o festival deste ano “conta coa cunha nova festa dos xogos interxeneracionais, e ademais, este ano como novidade haberá artesanía”.
Pola súa banda, Vidal subliñou que o festival conta “cun programa de primeiro nivel. Cada unha destas actuacións son un referente da música popular galega”, afirmou.
Pajón agradeceu a implicación dos Aturuxeiros de Bravos na organización de eventos ao longo de todo o ano, “son unha organización moi activa e comprometida con Ourol”.