Coñece o programa do Ribadeo Indiano, con sabor uruguaio

O Uruguai será protagonista de varias actividades e a cónsul xeneral do país no norte de España participará no evento

Ribadeo Indiano. TURISMO RIBADEO

A organización do Ribadeo Indiano desvelou o programa da edición 2018, que será os días 6, 7 e 8 de xullo. A festividade fará homenaxe ao Uruguai, con varias actividades centradas no país americano. 

VENRES 6

A festa arrincará o venres 6 ás 18.00 horas, coa presentación do evento no teatro. Intervirán o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia; María del Huerto Arcaus, Cónsul General do Uruguai; Eduardo Gutiérrez Fernández, cronista oficial do municipio, e o presidente da Acisa, Francisco Iriarte. A continuación, Manuel Suárez Suárez ofrecerá a conferencia ‘A pegada de Galicia no Uruguai’. Pechará o acto o grupo musical La Malquerida.

DIEGO RODRÍGUEZ PAZ, RIBADENSE E ESPECIALISTA EN ARQUITECTURA indiana, SERÁ O PREGOEIRO

A baixada a Porcillán será ás 20.00 horas. No peirao actuarán o grupo de teatro local e a banda de musica municipal. Ás 21.30 será a subida do porto, con paradas musicais en lugares como Escaleiras de Martínez, Patín, Fonte dos Catro Canos e a Praciña de Abaixo. Ás 22.30 horas, no quiosco da música, Diego Rodríguez Paz, ribadense e especialista en arquitectura indiana, oficiará o pregón. Versiones al Paso e Son al son porán ritmo á noite.

SÁBADO 7

A xornada do sábado comezará ás 11.00 horas, no barrio de San Roque, co mercado de ultramar. Haberá exhibición de coches clásicos e desde as 12.15 horas, no Cantón dos Moreno, animación musical con Diego Berardi, da murga Los Saltimbanquis, que mostrará repertorio do entroido uruguaio. Unha xincana infantil e unha conferencia do cronista oficial sobre Lino Pérez e Clemente López -nacionalistas ribadenses na Arxentina-, ás 12.30 horas no teatro, completarán a mañá.

Pola tarde, haberá pasarrúas de mariachis, xincana -desde ás 17.00 horas-, aberto de billarda e taller de baile de ritmos latinos. Ás 19.00 horas, a historiadora Pilar Cagiao falará no teatro de historia e fontes familiares, e da emigración galega a Uruguai. Ás 20.30 dará comezo a vixésimo cuarta edición do festival de habaneras. Ás 23.00 horas iniciarase a verbena tradicional, con música de Caxade e Son con Swing.

DOMINGO

O domingo comezará co mercado da horta, ás 10.00 horas. Ás 14.00 está previsto o inicio do xantar campestre, no Círculo Habanero da Devesa.

Pola tarde haberá teatro, co grupo Trípode de Alfoz, actuación da Rondalla Armonia e verbena con Son con Swing, que porá o broche de ouro á festividade.

VISITAS TEATRALIZADAS

Tamén haberá visitas teatralizadas ao Ribadeo indiano ou a Vilaframil, Rinlo ou A Devesa, cos guías-actores Suso Martínez, que interpretará ao escritor ribadense El Viejo Pancho, e Isabel Díaz-Robles, que encarnará á cantante Catherine Pereira. Para estas actividades -tamén para o xantar campestre e a xincana- é necesaria reserva. Os interesados poden anotarse no teléfono 982.128.689 ou na oficina de turismo. Para reservar praza na xincana, o correo é xincanaribadeoindiano@gmail.com.

ACTIVIDADES PREVIAS

Nos días previos á festa haberá numerosas actividades. Así, o mércores 27 de xuño abrirase unha exposición fotográfica sobre o evento, con imaxes de Arximiro Luna Rivera. A inauguración será ás 19.00 horas. O sábado 30, Roi Casal presentará, no marco da quinta Feira do Libro, o seu proxecto musical ‘Son galego, son cubano‘. O concerto comezará ás 22.30 horas.

O mércores 4 de xullo, ás 20.30 horas na Casa das Letras, o investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha conferencia titulada ‘Ribadeo Indiano, os nomes da memoria e dun territorio de futuro‘. O xoves 5, desde as 20.30 horas no auditorio Hernán Naval, proxectarse un documental sobre Pedro Murias da Televisión de Galicia (TVG).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here