A comisión organizadora das festas patronais de Ribadeo anunciou que o profesor ribadense Carlos Álvarez Lebredo será o pregoeiro dos festexos na edición deste ano. O pregón será o 1 de setembro no teatro, e comezará ás 20.30 horas. O evento contará coa actuación da coral polifónica.
Álvarez Lebredo, afincado en Santiago de Compostela, é fillo de Carlos Álvarez Fernández-Cid, músico de quen se celebra, xustamente este ano, o centenario do seu nacemento. O pregoeiro naceu en Ribadeo e traballa como docente de Literatura Galega desde 1983.
PUBLICACIÓNS
Entre as súas publicacións destacan artigos de crítica literaria e musical. Álvarez Lebredo, que escribiu máis de 100 textos de temática ribadense, é colaborador do semanario La Comarca del Eo e publicou tres libros: ‘Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez Fernández-Cid‘ (2003); ‘Música e sociedade ribadense (1900-2000)‘ (2007); e ‘Ribadeo. Dous pregóns de festas e unha invitación final‘ (2004).