A casa da cultura acollerá os días 29, 30 e 31 de xullo e o 1 de agosto unha nova edición das Xornadas de Historia de Foz, organizadas pola asociación A Pomba do Arco desde fai 24 anos. O Camiño de Santiago, a masonería na Mariña Lucense, o século XIV na comarca e os obxectos curativos e amuletos serán as temáticas que se abordarán no encontro, unha referencia do calendario estival na bisbarra.
A primeira charla será o luns 29, ás 20.30 horas. O historiador focego Xoán Ramón Fernández Pacios pronunciará o relatorio ‘O camiño de Santiago por Foz’. O investigador escribiu un volume sobre o Camiño do Mar, que partía de Ribadeo para percorrer a área costeira da Mariña Lucense ata chegar a Ferrol, onde ligaría co Camiño Inglés.
Fernández Pacios documentou toda unha serie de hospitais de peregrinos na Costa de Lugo; en Ribadeo, San Martiño de Foz, en Lieiro (San Cibrao) e en Celeiro (Hospital de Santa Ana).
MARTES
O martes 30, á mesma hora, Carlos Pereira Martínez afondará na ‘Masonería na Mariña nos séculos XIX e XX‘. Segundo expón a organización, o historiador coruñés, unha das voces máis autorizadas nesta temática, “comezará o seu percorrido pola reparando nas agrupacións de masóns que funcionaron en localidades como Ribadeo, Viveiro ou Mondoñedo, onde se significaría a persoa do medico e escritor Manuel Leiras Pulpeiro“.
A súa palestra rematará referíndose aos núcleos masónicos existentes no período republicano antes da súa persecución polo franquismo. A relación de membros da loxa de Viveiro aínda se conserva, así como un triángulo na parroquia do Vicedo de San Román do Val.
MÉRCORES
A terceira conferencia versará sobre o século XIV, considerado ‘Un momento decisivo para A Mariña’. O ensaísta Francisco Rodríguez Sánchez, autor de estudos sociolingüísticos, literarios e históricos, explicará os cambios que se produciron na comarca mariñá durante a Guerra dos Cen Anos e do petrismo e trastamarismo.
A consecuencia destes feitos, indican desde A Pomba do Arco, “nacerá o Condado de Ribadeo, entregado por Enrique de Trastámara ao mercenario francés Pierre Villaines que o apoiou na guerra contra os galegos, a revolta dos veciños de Viveiro contra o bispo de Mondoñedo e a consecución da vila de reguengo ou a clausura do porto da Masma, que fanará as posibilidades do desenvolvemento comercial de Foz”.
XOVES
Finalmente, o antropólogo Rafael Quintiá falará sobre os ‘Obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular’. A pedra do raio, os ollomaos ou os amuletos vinculados ao mundo do mar protagonizarán a charla.