InicioCulturaA emigración a Europa, orixe da mostra folclórica internacional de Barreiros

A emigración a Europa, orixe da mostra folclórica internacional de Barreiros

O festival, que comezou cunha actuación para os barreirenses que marcharon a Francia ou Suiza, trouxo á vila agrupacións dos cinco continentes

Publicada o

- Advertisement -

O Festival Folclórico Internacional do Emigrante segue fiel a súa cita, a primeira fin de semana de agosto. A quen traedes este ano?, pregúntanlle a Henrique Penabad os “veraneantes” que teñen Barreiros como destino fixo cada verán.

A mostra folclórica converteuse nun referente festivo e cultural tanto para a veciñanza como para os turistas. Moi lonxe das expectativas coas que naceu en 1980. A recén creada agrupación folclórica O Arco da Vella, que xuntaba a rapazada con inquedanzas culturais de San Miguel de Reinante, fixo unha actuación especial na Praza do Souto.

AS ORIXES

“Foi un mércores, acórdome ben. No grupo había dous rapaces, Sito e Miguel, que tiñan os pais en Francia. Foran traballar e deixaran os fillos cos avos, algo moi habitual na época da emigración a Europa. Viñan en agosto, e querían velos bailar”, explica Penabad.

“A idea era presentar a agrupación aos emigrantes, por iso lle puxemos o nome, pero non tiñamos intención de darlle continuidade, de feito, no 1981 non o fixemos. Retomámolo o ano seguinte, con Ledicia, de Burela, e Airiños do Xunco, de Cervo, como convidados.

“SALTO DE CALIDADE”

A medida que a agrupación folclórica se consolidaba, con actuacións en toda Galicia e no resto do estado, o cartel da mostra foi diversificándose. O “salto de calidade” dérono a comezos dos noventa coas primeiras actuacións internacionais e o cambio de escenario, da Praza do Souto ao campo das Valgas.

“Nun intercambio cun grupo de Xixón bailamos no Molinón e tomamos o exemplo. Foi un acerto porque ao ser un lugar algo retirado, a xente ven e queda a todas as actuacións. É un público ao que lle gusta ver folclore”.

A receita do éxito ten dous ingredientes básicos “música en directo” e “diversidade, para conseguir que o público vexa cada edición algo diferente“, resume Penabad.

O campo das Valgas preparado para acoller as actuacións da mostra folclórica

Polo céspede do Iberia CF pasaron desde aquela agrupacións dos cinco continentes, algunhas delas de culturas sen apenas referentes musicais nos países occidentais como as Illas Cook, Togo ou Baskiria.

Os intercambios organizados polo Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folclore e Artes Tradicionais (CIOFF), que promove mostras folclóricas en todo o mundo, contribuíu a nutrir a axenda do festival barreirense nas tres últimas décadas nas que tamén ampliou o seu recoñecemento institucional coa declaración de Festa de Interese Turístico Galego.

“É un festival moi enraizado, que sitúa Barreiros no mapa da promoción cultural, con agrupacións de países que doutra maneira non poderíamos ver aquí. Ademais, fan esta labor partindo do propio, poñendo en valor o folclore e a cultura”, valora a alcaldesa barreirense, Ana Ermida.

O concello presta apoio loxístico e promocional á organización do evento na que O Arco da Vella traballa case durante todo o ano. “Temos un tecido asociativo moi potente, cunha capacidade moi importante, e o festival é unha das mellores mostras”, remarca a nacionalista.

ESTE SÁBADO: CANARIAS, TAHITÍ E RUSIA

Este ano a proposta inclúe actuacións de grupos de Canarias, Tahití e Rusia, ademais dun pase da agrupación anfitrioa, con distintas xeracións sobre o escenario. Catro décadas despois da súa creación, O Arco da Vella conta cunha escola de música e baile cada vez máis nutrida, con preto dun centenar de rapaces e rapazas.

A compañía polinesia Hei Show Tamure actuará este sábado no Festival do Emigrante

O Festival, que botou raíces nos anos en que a emigración a Europa deu un empurrón definitivo ao despoboamento do rural, traerá de volta á casa –por uns días- a un emigrante de nova oleada coma Jorge, que ven desde Puerto Rico onde traballa como enxeñeiro para tocar a gaita, ou Noa, unha estudante de Bacharelato de intercambio en Toronto,  que chegará a Compostela en avión co tempo xusto para viaxar ata San Miguel de Reinante e poñer de novo o traxe de baile.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...