A Feira do Libro de Foz, decana da Mariña Lucense e terceira máis antiga de Galicia, sumará do 22 ao 25 de agosto unha nova edición, a trixésimo cuarta.
As librarías levarán a súa oferta editorial á Praza do Conde Fontao, que acollerá diversas actividades paralelas. Autoras coma Rocío López, Carolina Sarmiento, María Soliño, Elisabeth Bowman, Sonia Arias, Esther López, Juan Prieto, Manuel Pernas ou Antonio Reigosa, que tamén será o pregoeiro do evento, asinarán as súas últimas obras nos postos de venda.
MÚSICA E LITERATURA
Ademais, desenvolveranse presentacións editoriais, coloquios literarios e actuacións e representacións musicais arredor de formatos de libro e disco.
Así, a histórica cita literaria convocará aos cantautores Magín Blanco, que presentará ‘A nena e o grilo, máis aló‘, e Xoán Curiel, con ‘Canta, miña pedra, canta‘, e ao polifacético Xurxo Souto, cun espectáculo musical que serve de banda sonora ao seu libro ‘A gran travesía de Chiruca Macallás‘.
CONCURSO DE DEBUXO
Tamén se celebrará un concurso de debuxo que terá como xuíces a Daniel Caxigueiro e Paz Quiroga.