As Xornadas de Historia Local de Ourol presentarán libros sobre cruceiros e a emigración

Este mércores, Mario Saavedra falará dos monumentos do municipio e José Manuel López Chao exporá a vida de dous emigrantes, os irmáns Rigueira Montero

Cruceiro de Xan Branco. GOOGLE

O Concello de Ourol organiza desde este mércores a segunda edición das súas Xornadas de Historia Local, que tratarán temas como os cruceiros ou a emigración. Todas as conferencias son abertas ao público.

A inauguración será este mércores, ás 19.00 horas no edificio multiusos do consistorio. Ás 19.15 horas, o profesor especialista en lingua inglesa, galega e castelá Mario Saavedra Pérez, que presentará o libro ‘Cruceiros, cristos, cruces e outros monumentos do Concello de Ourol‘. A continuación haberá un coloquio.

Xa o xoves, a xornada comezará ás 19.00 horas, cunha intervención do profesor de lingua e literatura galega Emilio Xosé Insua. Presentará a José Manuel Chao, que disertará sobre o seu libro ‘José María Rigueira Montero e Manuel Rigueira Montero: dous emigrantes das montañas de Ourol e Muras‘, feito a medias con Guillermo Jorge Riguera.

GRATUÍTOS PARA OS VECIÑOS

Co financiamento da Deputación, o Concello de Ourol encargou unha edición especial de 450 exemplares de ambos libros e o de Muras outros 600 deste último, que farán chegar de xeito gratuíto ás casas dos municipios. A investigación de Chao, publicada por Lar Libros, está a venta na web www.libroslar.com.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here