A fin de semana comeza coa celebración do San Roque en varios lugares da Mariña Lucense, que abrirá unha ampla oferta de ocio para o sábado e o domingo.
ALFOZ
Alfoz é unha das case cen parroquias galegas que festexan a San Roque. Consulta o programa nesta imaxe.
BARREIROS
Celeiro de Mariñaos celebra este venres o San Caetano, como xa se está a converter en tradición, cunha tortilla xigante. Consulta aquí un programa que tamén inclúe música e xuntanza de motos clásicas.
BURELA
Bastión da música independente na Mariña Lucense, o Festival Osa do Mar trae de novo a Burela ritmos alternativos. Este venres, desde as 22.00 horas, actúan Allova, La Plata, Los Vinagres e Los Jinetes del Trópico. O sábado será o prato forte, con música todo o día e á noite festival con Kokoshca, Monoulious Dop, Carolina Durante e Ortiga.
CERVO
Cervo continúa este venres a celebración na honra de San Roque con Alma Latina (22.00 horas) ao cargo da verbena.
O Día Grande do santo patrón precederá a unha das festas paganas máis veteranas -cumpre 41 anos- e máis espectaculares do panorama galego, a Queimada Popular. As meigas tomarán a Praza do Souto sobre as 23.00 horas, coa degustación do licor desde o remate da escenificación. Sin Tron Nin Son, A Compañía do Ruído, The Tetas Van e Malditos Pendejos porán ritmo á noite ata que o corpo aguante.
Pero a Queimada é desde hai décadas unha festa que comeza a vivirse de día. O Mercado Tradicional ofrece artesanía e múltiples alternativas culinarias para ir collendo forzas, desde as 10.00 horas.
FOZ
Foz Market regresa un ano máis cunha ampla variedade de food trucks onde probar as comidas máis diversas e cun programa de actuacións musicais.
O VALADOURO
Manuel Lourenzo recita este venres (19.00 horas, casa da cultura) textos de ‘Materna‘, de Xesús Pisón.
O VICEDO
O domingo, ás 20.00 horas na casa da cultura, Italytime ofrece as obras teatrais ‘Orden y matrimonio‘ e ‘La cláusula‘.
RIBADEO
Non podía faltar unha fin de semana de verán sen degustación gastronómica. Remourelle rinde tributo a un prato tan sinxelo como delicioso, a carne ao caldeiro, este sábado.
O domingo, ás 20.00 horas, celebrarase a terceira edición do Festival Tradicional de Ribadeo, no Cantón. Con Santa Columbia de Ribadelouro (Tui), Peleiriños de Sarria e o grupo Marbadás.
TRABADA
Trabada tamén honra ao peregrino francés venerado como santo polas súas tarefas curativas. Emperadores e Decibelios animarán a verbena nunha xornada na que tamén haberá maxia co Mago Paco (18.00 horas).
VIVEIRO
Continúa o programa das festas patronais de Viveiro. Podes consultar a programación aquí. Sito Sedes e a Garufa Blue Devils Big Band (22.00 horas) dara brilló á festividade do patrón, San Roque, que tamén animará Nueva Fuerza xusto despois dos fogos artificiais, previstos para a medianoite.
Continúa a Feira de Artesanía de Viveiro nos xardíns de Noriega Varela, con 30 postos. Aberta de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 22.30 horas.