InicioCulturaBogo celebra o “festival celta máis pequeno do mundo”

Bogo celebra o “festival celta máis pequeno do mundo”

Esta parroquia da Pontenova deulle un aire novo ao San Pedro con esta celebración, que regresa o sábado e inclúe unha mostra de curtametraxes

Publicada o

- Advertisement -

Bogo é unha parroquia da Pontenova, unha das tantas no ermo demográfico da Galicia interior e rural. Nin sequera o valioso patrimonio etnográfico e natural das súas aldeas conseguiu frear a despoboación. Ata aquí nada novo. O singular é a capacidade creativa dos poucos que quedan nelas. Imos ao Machuco, un lugar con dúas casas habitadas, unha delas un aloxamento de turismo rural.

Dalí saíu a idea de organizar o Festival celta máis pequeno do mundo, que regresa o vindeiro sábado 7 de xullo. “Na parroquia celebrouse sempre o San Pedro pero, ao ir quedando sen xente, organizar unha festa con verbena foise complicando. Non tiñamos cartos para grandes orquestras, así que buscamos facer algo diferente”, conta Monse Fernández, música multiinstrumentista e propietaria da Casa do Fidalgo.

A primeira edición do festival foi unha foliada na que participaron músicos da cornisa cantábrica e na que se expuxo unha mostra fotográfica de Vicente Ansola –recén chegado á aldea veciña de Vilarxuvín que inspirou, entre outras, as imaxes de ‘O pobo das néboas‘ e ‘Aldeas sen voz‘.

Milesios ou Abel Pérez de Mialma Producióis actuaron durante este tempo en Bogo, acompañados sempre dos gaiteiros da montaña, herdeiros da tradición musical da zona. O sábado, a música correrá pola conta do grupo xixonés La Malquerida que versiona clásicos do repertorio popular latinoamericano.

PSEUDOMISA

Neste San Pedro non falta unha alusión ás connotacións relixiosas das festas patronais, aínda que tampouco nisto seguen as prácticas tradicionais. Un “cura” improvisado oficia unha “misa” e encabeza unha procesión na que  pasean pola aldea unha talla que bautizaron como San Petrov. Como pensades, algo ten que ver con Rusia. A escultura é obra dunha artista rusa que coñeceu a zona ao participar no Concurso de Pintura Rápida de Oscos e restaurou unha casa en Bogo, onde pasa algunhas tempadas.

BOGOMETRAXES

O festival tomou unha dimensión nova cando a maxia da Fraga das Reigadas se cruzou na traxectoria do director e produtor Pepe Jordana. O cineasta quería contar unha historia sobre o medo ao descoñecido e as fotografías de Vicente Ansola descubríronlle o  escenario axeitado. A produción rodouse no entorno da ferrería de Bogo en 2011 pero as paisaxes da Fraga das Reigadas deixaron unha pegada máis profunda no director que, desde 2014, se encarga de organizar a mostra de “bogometraxes” no festival.

a actriz, guionista e realizadora Natalia Mateo será a protagonista da mostra de curtametraxes do festival

Cada ano, o cartel ten unha figura do mundo do audiovisual a redor de quen se perfila o programa de proxeccións. En edicións pasadas,  homenaxeouse a Tacho GonzálezJuana Andueza ou Javier Fesser e, este ano, o papel protagonista correspóndelle a Natalia Mateo. A actriz, coñecida polos seus papeis en producións de televisión –’Amar en Tiempos Revueltos‘- e cine –’Azuloscurocasinegro‘-, ten tamén un  amplo currículo no mundo da curtametraxe, como actriz, guionista e realizadora.

Carisma‘ e ‘Ponys‘ de David Planell; ‘Express’ e ‘Traumalogía’ de Daniel Sánchez Arévalo; ‘Sin Respuesta’ e ‘El Jardín Vero’ de Miguel Parra; ‘Equipajes’ de Arturo Ruíz e Toni Bestard; e ‘Qué divertido’ e ‘Ojos que no ven’ dirixidos pola propia Natalia Mateo completan o cartel da mostra. As proxección serán ao aire libre, a partir das once da noite.

O Festival celta máis pequeno do mundo reuniu nas últimas edicións a un centenar de persoas, xente do audiovisual, clientes da casa de turismo rural e outros “fieis” á maxia da Fraga das Reigadas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...