InicioCulturaDezaoito voluntarias atenderán no punto lila do Resu, que arrinca este mércores

Dezaoito voluntarias atenderán no punto lila do Resu, que arrinca este mércores

O Concello aplicará o plan anti-agresións sexuais noutros eventos multitudinarios do municipio

Publicada o

- Advertisement -

Un total de 18 voluntarias traballará no punto lila que o Concello de Viveiro disporá na entrada do recinto do Resurrection Fest, no campo de Lavandeiras de Celeiro. O centro de asesoramento estará operativo este mércores desde as 17.00 horas, no momento de apertura de portas no festival, e permanecerá aberto ata o remate do mesmo.

ASESORAS EXPERTAS

O punto lila atenderá ás mulleres que fosen vítimas de agresións sexuais ou teman padecer este tipo de violencia, e tamén a aquelas persoas que presenciaran algún tipo de comportamento ilícito e queiran saber como actuar. Cristina Lestegás encabezará un equipo de voluntarias que conta con persoal especializado, pois haberá psicólogas ou traballadoras sociais.

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, resaltou na presentación do protocolo que o obxectivo da campaña é que “as mulleres vaian desfrutar dos seus grupos favoritos sen medo”. Aínda que resalta que nas trece edicións do festival “non houbo denuncias por delito de agresión sexual”, a rexedora lembra a necesidade da “prevención”. Neste senso, agarda que o punto lila, que estará “onde todo o mundo o poda ver”, poda ter un efecto disuasorio. “O potencial agresor saberá que o imos controlar”, afirma.

O Concello indicou que o protocolo anti-agresións non será exclusivo do Resurrection Fest, senón que se aplicará tamén noutros eventos do municipio con grande afluencia de público. “Iniciamos este plan no festival, pero queremos facelo extensible. Un exemplo é a romaxe do Naseiro, cunha zona de acampada, con cinco días de festa. Estaremos alí tamén”, afirmou Loureiro.

“iniciamos este protocolo aquí, pero estaremos tamén no naseiro”, anunciou loureiro

O punto lila é unha das medidas do plan para evitar agresións sexuais elaborado polo Concello, en colaboración coa Policía Local, a Policía Nacional, Protección Civil e a propia organización do Resurrection Fest. O protocolo contempla medidas tanto dentro como fóra do recinto do festival.

Presentación do protocolo, con Rodríguez, Loureiro e Fernández. AXM

PREOCUPA A “SUBMISIÓN QUÍMICA”

Así, a Policía Nacional encargouse de orientar aos traballadores do Resurrection para que sexan capaces de evitar delitos. Segundo explicou o delegado de Participación Cidadá, Pablo Rodríguez, os corpos de seguridade fixeron fincapé “nalgo que nos preocupa, que é a submisión química, voluntaria ou non, e sexa por alcol ou outras substancias. Por iso demos unhas pautas para que os operarios acompañen, nunca deixen tiradas, a mulleres ou a menores que vexan baixo efectos destas substancias, ou chamen ao 112”.

a subida ou baixada do bus, os traxectos a pé ou as zonas de acampada son situacións de vulnerabilidade

Rodríguez insistiu en que os lugares de subida ou baixada do autobús, traxectos de ida ou volta do recinto ou as zonas de acampadaCeleiro, Cantarrana e Area– son puntos de especial vulnerabilidade. “En Area, temos o hándicap dunha zona de bosque e praia, e o primeiro que che apetece facer cando estás borracha e cansa é deitarte. Están avisados os responsables dos cámpings para que estean ao tanto e nos chamen”, asegurou.

TRÍPTICOS EN CINCO IDIOMAS

Nestas zonas conflictivas repartiranse un total de 16.000 trípticos impulsados pola concellería de cultura, que insistirán na idea de que ‘Non é non‘. Os operarios das empresas de autobús, dos cámpings ou dos establecementos de hostalería terán estes folletos informativos á disposición dos clientes.

Os trípticos foron impresos coa información en cinco idiomas: castelán, galego, portugués, inglés e francés. A edil de cultura, Lara Fernández, agradeceu a o traballo de Cristina Lestegás, da EOI Luz Pozo Garza, que se encargou da tradución”.

VÍDEO

Ademais, as pantallas do Resurrection proxectarán periodicamente un vídeo en varios idiomas no que participaron altruistamente actores profesionais e amateurs e persoeiros de Viveiro, co lema ‘Non sexas cómplice‘. “Queremos concienciar de que a sociedade é unha engranaxe, de que ningunha agresión é pequena e que non debemos dar a espalda cando unha muller precisa axuda. Mellor chamar ao 112 e se nos equivocamos, xa serán eles quen decidan se se debe intervir ou non”, indicou a concelleira.

PRIMEIRA XORNADA

O programa do festival arrinca con Golpe Radikal, ás 17.30 horas. Teksuo, The Qemists, Riot Propaganda, Jello Biafra -ex Dead Kennedys-, Ministry e Power Flo actuarán no Ritual Stage, e os concertos prolongaranse ata as 2.15 horas da madrugada. Podes ver os horarios completos do festival aquí.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...