O videoclip ‘De Bruma e Salitre‘, dirixido polo cervense Xaime Miranda para o grupo musical Mileth, alzouse co premio do xurado na vixésimo cuarta edición do Ourense Film Festival (OUFF 2019).
A peza audiovisual premiada contou coa participación de Iago Vilariño como director de fotografía e de Maite Señoráns como asistente de produción. Á parte dos integrantes da banda musical, tamén actuaron no videoclip varios veciños da Mariña Lucense.
De feito, a obra foi rodada en localizacións de Barreiros, Mondoñedo, Burela, Cervo e O Valadouro, de onde é natural un dos compoñentes de Mileth.
SEGUNDO PREMIO DE ENTIDADE
O de OUFF 2019 é o segundo premio de entidade para o videoclip, pois no pasado mes de maio foi distinguido polo público asistente ao Festival Internacional de Cine de Vigo. A peza de Miranda gustou así tanto aos especialistas coma aos seguidores do cinema.