O grupo sancibrense A Rebolaxe impulsará os días 20 e 21 de xullo a quinta edición da Foliada Nordestía. As actuacións de Tiruleque e Pan de Capazo, o sábado, serán os pratos fortes da cita, que conta coa colaboración do Concello de Cervo.
O programa festivo arrinca o venres, a partir das 19.30 horas, cun festival folclórico infantil. Participarán as agrupacións Mistura, de San Cibrao, Amado Lar, do Valadouro, Saíñas, de Xove, Bágoas da Terra, de Viveiro, e Arco da Vella, de San Miguel de Reinante. A continuación celebrarase o serán, no que estarán o grupo anfitrión, Tombal Sessions, Airiños do Xunco, de Cervo, e Ledicia, de Burela. Sobre as doce da madrugada comezará a actuación dos Viqueiras.
SÁBADO
O sábado, a xornada comezará ás 12.00 horas con cantos de taberna polo pobo, nos que participarán A Rebolaxe, Os Misturos, Os Sobraos, Os do 21, Buxos Verdes, Pandereteiras de Andrade, Airiños do Xunco e Ledicia. Os músicos pasarán polos seguintes locais: El Puerto, O Pedregal, O Pulgas, Maruxaina, Terraza O Noso Lar, Terraza Torno Beach, O Faro, Nordesía, Titas, Camarote, Pizzería O Trasgo, Mesón da Ría e Mesón A Cosecha.
Ao remate dos cantos de taberna haberá un xantar popular nunha carpa situada na Plazoleta, a un prezo de dez euros.
Ás 20.30 horas comezará o festival folclórico nacional, coa presenza de grupos locais, coma Mistura, aragoneses, como Ciudad de Los Amantes, valencianos, como La Xicalla, ou asturianos, como Ocle.
Tiruleque, desde as 23.00 horas, e Pan de Capazo porán o broche de ouro á cita.