InicioCulturaMarina Oural: "Aspiramos a diluír o palco e a vida"

Marina Oural: “Aspiramos a diluír o palco e a vida”

A artista laurentina e Ugía Pedreira presentan o sábado '1 Faba, 1 Vida' no Espazo Caritel

Publicada o

- Advertisement -

A poeta laurentina Marina Oural Villapol (Alaxe, 1968) e a cantautora focega Ugía Pedreira (Vilaronte, 1970) actúan este sábado, ás 18.00 horas, no Espazo Caritel que ostenta o escultor Daniel Caxigueiro en San Martiño de Mondoñedo. Presentarán a performance ‘1 Faba, 1 Vida‘, que fía poemas e cancións. Esgotáronse as 20 prazas ofertadas para a actividade, que inclúe unha visita guiada á exposición e ao xardín. Con todo, os interesados en realizar unha reserva por se hai vacantes poden chamar aos teléfonos 627.93.43.68 e 658.79.23.10.

Por que ‘1 Faba, 1 Vida’?

É un verso que escribín xa hai tempo. ‘1 Faba, 1 Vida’ é unha oda ás fabas lobas da casa, sementes que estaban en Galicia ao lado das casas antes do descobrimento de América. Unha semente que dá muitas sementes máis e alimenta moitas bocas. Na performance, no que o repertorio poético e musical é da nosa colleita, reivindicamos o local, a natureza e a aldea como fonte de sabedoría, para chegar sempre ao universal. Hai un berro de fondo contra o abandono do rural.

“reivindicamos a natureza e a aldea como fonte de sabedoría. hai un berro de fondo contra o abandono do rural”

Como comezou este proxecto?

Pois Ugía e máis eu amigamos sobre todo a raíz da volta á casa, á Mariña Lucense, das dúas, despois dun tempo a vivir fóra. Actuamos por primeira vez a dúo nunha carpintería de ribeira da Bretaña francesa, dun xeito libre e natural. No 2013 naceu Lúa, a filla de Ugía e Pierrot Rougier e a miña afillada, que ten parálise cerebral, e a súa resposta ás sensacións que lle transmitiamos a través do son e das palabras foi un estímulo para nós. Decidimos dar continuidade ao proxecto.

Matiza que ‘1 Faba, 1 Vida’ non se trata de teatro ou dun recital-concerto, senón dunha performance.

Si. Hai uns días, por exemplo, manqueime nun ensaio, houbo sangue. No teatro non pasa iso. Tampouco levamos amplificación. Trátase dun formato artístico natural, no que hai unha comunicación directa. Cada día é diferente. Aspiramos a indagar emocionalmente e diluír o palco coa vida. Queremos sentir ás persoas do público e que nos podan sentir, para o que nos mergullamos na improvisación.

Outro dos atractivos da actividade é a visita a Caritel.

O espazo Caritel debera ser un lugar de peregrinaxe necesaria. Falamos dun gran creador como Caxigueiro, que ten ademais un xardín cun valor botánico notable, con árbores de diversos países.

“na mariña hai unha contemporaneidade espectacular. grazas a sargadelos coñecín artistas de todo o mundo”

Falta conciencia da cultura alternativa que hai na bisbarra?

Si, porque hai esa visión de que esta zona está illada e aquí temos unha contemporaneidade espectacular. Temos que quitarnos ese peso. Eu coñecín artistas de todo o mundo grazas a Sargadelos.

Un dos seus proxectos, presentado recentemente en Portugal, baséase na figura da poeta uruguaia Juana de Ibarborou, con raíces en Lourenzá.

É unha obra multidisciplinar -música, danza e poesía- que xa presentamos en Lourenzá e en Ribadeo. Recibimos por ela o premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade. A nosa intención é representala no Uruguai e estamos a traballar niso, aínda que é complicado. Levamos seis persoas e resulta caro, sobre todo polo custo da viaxe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...