O XIII Festival das Minas da Pontenova, que se celebrará o próximo 14 de decembro na Praza dos Fornos dese municipio da Mariña Lucense, incluíu por primeira vez no seu programa a baixada a Mina Consuelo, unha actividade que estará reservada para espeleólogos federados.
Os organizadores do festival destacan que o obxectivo de sumar esta actividade ao programa non é outro que “poñer en valor a tradición mineira deste municipio mariñao”, o mesmo co que “naceu este festival” fai xa trece anos.
Luís Miguel Rivas, membro da directiva da Asociación Cultural e Deportiva das Minas, que organiza o festival, asegurou que o deste ano é “un dos mellores carteis”, grazas ao “apoio económico da Deputación e o Concello da Pontenova”.
HEREDEIROS DA CRUS, PRATO FORTE MUSICAL
Entre outras bandas, está confirmada “unha das primeiras paradas da nova vira de Herdeiros da Crus, que de momento ten confirmados concertos en Madrid, Barcelona, Santiago de Compostela, Londres, Xenebra e a Pontenova”.
A Deputación Provincial de Lugo achega 7.500 euros para a organización deste festival. A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, salientou que a Asociación Cultural e Deportiva As Minas tamén é a impulsora de “torneos deportivos, actuacións teatrais, exposicións ou mesmo do Entroido” no municipio.