Natalia Carou Figueira (Boiro, 1974), de profesión asesora fiscal e con xa varias novelas publicadas, recibirá este xoves (Teatro Pastor Díaz, 20.30 horas) o Premio Vilar Ponte de Novela por ‘O Mal Querer‘, unha historia “dura” que, segundo o xurado, “retrata a sociedade actual onde a violencia, o machismo, a droga, o maltrato, o acoso escolar, a manipulación mediática, os poderes fácticos, e, sobre todo, o desamor ou desafecto se xuntan nun cóctel destrutor no que se ve atrapado o lector”.
Un total de 26 novelas participaron na segunda edición do certame, que destina 4.000 euros ao gañador e 1.000 euros ao segundo premio, que recaeu en Ramón Carredano Cobas, con ‘Qwerty‘. Convoca o Vilar Ponte o Concello de Viveiro, froito dun acordo entre o goberno local e o grupo de non adscritos. Carou sucede así a Adolfo Caamaño, gañador do primeiro certame con ‘Matar o heroe’.
Quedan unhas horas para recoller o premio, logo estará pola Mariña. Coñecía a zona?
Si, coñezo. Escribín ‘O Mal Querer’ aí ao lado de Viveiro, no Valadouro, nun descanso coa familia no que mentres eles se divertían eu dinlle as últimas voltas á novela. Aproveitarei recibir o premio para coñecer máis a fondo a cidade de Viveiro.
Como valora este premio?
É un recoñecemento ao esforzo que fixen e tamén é unha maneira de saber que todo este tempo que lle quito á familia, ao descanso, ao sono, non foi en balde. É o xeito de saber que o que estou a facer paga un pouco a pena.
Son importantes este tipo de galardóns?
Son importantes para dar a coñecer autores, para chegar a un pouquiño máis de xente, porque sempre che dan máis visibilidade, e por suposto para potenciar o uso do galego.
“A NOVELA TRATA DUN RAPAZ DE 17 ANOS QUE COMETE UN DELITO. A PARTIR DE AÍ, REFLEXIONA SOBRE A RESPONSABILIDADE SOCIAL”
A CULPA
Cal é o fío argumental de ‘O Mal Querer’?
‘O Mal Querer’ é a historia dun rapaz de 17 anos que é maltratado desde que era moi cativo polos seus pais. Nun momento determinado da súa vida comete un delito, e ingresa nun centro de menores. A novela é unha reflexión sobre a culpabilidade deste rapaz, fai unha pregunta sobre a culpabilidade dos pais, dos profesores, que non se decataron ou non se quixeron decatar de que tiña un problema grave, dos ex compañeiros que se apartaban del, da veciñanza…
Incide na responsabilidade social.
Si. Pregúntome na novela se non lle estamos a dar as costas ao que pasa ao noso carón, atender a este tipo de situacións que se dan moi preto de nós. A violencia sobre o menor é un tema que me preocupa moito e me doe moito, e gustaríame que se falase moito máis.
Coñecín a moitos nenos nas charlas que ía dar aos institutos sobre os meus libros. En moitos casos, non se atrevían a dicir algunhas cousas aos seus pais e saían nas charlas, situacións de violencia, moitas máis das que un poida pensar.
“PARA A NOVELA DOCUMENTEIME CON INFORMES PERICIAIS PSICOLÓXICOS, CON LIBROS DE PSICOLOXÍA. SOBRE COMO O CONTEXTO DEFORMA A PERSONALIDADE”
Cre que marca moito ese contexto infantil/xuvenil á persoa adulta?
Si. Todos temos dereito a unha infancia sá. Un contexto de violencia pode modificar as nosas actitudes, deformar os nosos valores. Moitas veces somos o resultado de como nos traten. Para facer este libro documenteime moitísimo con informes periciais psicolóxicos, dos transtornos da personalidade, con e tamén con moitos libros que tiña na súa biblioteca o meu fillo maior, que é estudante de psicoloxía. Ambos comentamos e debatimos.
Tamén te nutres das vivencias persoais. Eu non estiven nun centro de menores, pero crieime nun internado de nenas, con 500 e pico, e o tema das convivencias, da soidade de estar fóra da casa, valo absorbendo e reflíctelo dalgún xeito. Normalmente tardo tres ou catro anos en rematar unha novela, pero esta estaba lista en pouco máis dun ano. Custoume moito escribila porque foi dolorosa para min pero tamén saíu soa.
NOVELA “DURA”
Fala o xurado na súa valoración do seu libro dunha novela “dura”. Era a súa intención?
Si. É unha novela moi dura e moi real, porque os personaxes están baseados en historias reais. O machismo está presente, a violencia sobre o menor, tamén o consumo de drogas, e o que comentaba anteriormente, unha reclamación dunha conciencia social que ás veces non temos. Pero tamén é unha novela de esperanza, porque penso que un bo querer pode triunfar sobre o mal querer.
Fala da violencia machista, da que cada vez se ten máis conciencia. Como se pode erradicar?
A solución é a educación, e ten que ser desde moi pequeniños, desde a propia familia. Penso que o estudantado no instituto está bastante concienciado sobre este tema, cada vez máis, pero aínda quizais algo perdido. Unha rapaza dicíame que o mozo lle revisaba o móbil todos os días, e dicíame que o facían todos; non o acaban de entender. Os rapaces déixanse guiar moito polos maiores, polo que considero que o aspecto familiar, e desde moi cedo, é chave.
Xunto coa educación, imaxino que a lectura é un bo vehículo para tratar eses temas.
Por suposto. Non estás a tratar de aleccionar a ninguén, nin tampouco son unha experta na materia, pero os lectores ábrense e falan dos seus problemas, tamén co alcol ou as drogas. É outra forma de poñer o tema sobre a mesa. Os rapaces de 14 anos están preparándose para ser adultos, pero son aínda moi inocentes.
“A VIOLENCIA SOBRE A MULLER, SOBRE OS MENORES… PREOCÚPAME MOITO E ESTÁ PRESENTE EN TODAS AS MIÑAS OBRAS”
Véos máis desprotexidos cás anteriores xeracións? Pola cantidade de información á que teñen acceso a través de internet…
Penso que si. Internet ten moito de bo, ao ofrecer unha información libre, pero tamén un problema, que esa información non está canalizada.
A VIOLENCIA
Preocúpalle moito a violencia, que está presente en todas as súas obras.
Si. En ‘Mariposas tristes’ (novela dixital) falo da prostitución, e en ‘A Cova da Moura’ (Baía Edicións) todo parte dunha violación e un abuso dun pai a unha nena. En ‘O Alento nas Costas’ (Baía Edicións) un tema central é a drogadicción. Sempre son cuestións que me preocupan moito.
“HAI QUEN DI QUE UNHA HISTORIA SOBRE UNHA VIOLACIÓN NON É APTA PARA MENORES, PERO PADÉCENAS TAMÉN AS NENAS E HAI QUE ABORDAR O PROBLEMA co filtro axeitado”
Con ‘A Cova da Moura’ algúns profesores comentábanme que non é axeitada para un público xuvenil, posto que fala dunha violación, que entenden que non é apta para menores. Non é positivo que un rapaz teña acceso libre a imaxes ou vídeos violentos dun suceso así. Pero, tendo o filtro dunha persoa que che fala axeitadamente do tema, é algo sobre o que é necesario falar. Hai violacións non só de mulleres senón tamén de nenas, e nin sequera ás veces comprenden o que lles fixeron. Iso non se pode esconder, senón hai que abordalo porque está aí.
Publicarase ‘O Mal Querer’?
Penso que si, e agardo que pronto. Houbo interese de varias editoriais e estou valorando con quen publicar a novela.