Co título Escoitando o mar, Mariña Patrimonio organiza un ciclo de conferencias coas que pecha as actividades culturais que levan organizado ao longo deste ano.
O próximo día 20 comezarán as xornadas coa conferencia ‘Foula de prata: a bordo da tradición oral marítima‘ a cargo do Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Miguel Losada, e Enrique Blanco, ex director do CEIP de Noia.
O 26 de decembro Anxo Muíños, escritor e patrón de pesca, falará sobre ‘Mitos do mar: O alén dos barqueiros‘ e o 27 deste mesmo mes celebrarase a conferencia ‘A onomástica naval na Galicia de antano: unha odisea relixiosa, cultural e afectiva ‘a cargo do profesor da Universidade da Coruña, José Manuel Vázquez Lijó.
Todas as xornadas terán lugar no Museo do Mar de San Cibrao ás 18.30 horas e contan coa colaboración da Rede Museística Provincial e maila Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.