InicioCulturaO Bordelo: 20 anos a tirar do carro do teatro popular

O Bordelo: 20 anos a tirar do carro do teatro popular

O grupo cervense, que cumpre dúas décadas, organiza a décimo oitava edición das Veladas de Teatro, do 2 ao 4 de agosto

Publicada o

- Advertisement -

Cando era un pícaro, Paco Piñeiro ía alindar as vacas ou á sega no lugar mindoniense de Seivane. Seu tío Rodrigo vía que o pasaba mal e, de cando en vez, descansaba un momento das tarefas para comezar o espectáculo que alegraba a tarde do pequeno. “Subíase a un suco e imitaba a Barriga Verde”, lembra. Poucos anos máis tarde, o espectador encantado, case adolescente, facía teatro para os nenos dos veciños. O escenario era a cociña.

“PARA AXUDAR”

O teatro popular sempre foi para axudar”, indica Piñeiro, mestre xubilado e impulsor do teatro e da cultura na Mariña Lucense sen visos de xubilación. “As primeiras obras representáronse nos hospitais, por causas benéficas. As miñas foron para o alumnado, para recadar cartos para excursións”, apunta.

OS INICIOS E O CASÓN

En decembro do 1987, un grupo de ex alumnos seus de Cervo visitárono en Moeche para pedirlle que escribira unha obra da sombra que planeaba sobre o Nadal da Mariña: o conflito laboral do Casón, orixinado cando uns barrís tóxicos que provocaron unha estampida na Costa da Morte chegaron ás portas da factoría de Alúmina-Aluminio en San Cibrao e a empresa despediu ao comité de traballadores ao completo. Daquela naceu O Bordelo, que non tivo continuidade. Dez anos máis tarde, a partir das experiencias teatrais infantís organizadas por Airiños do Xunco, Piñeiro recuperou o nome.

“cando fundamos o grupo había poucas agrupacións na mariña, e inconstantes. logo xurdiron dez máis”, sinala o director

O bordelo é a xugada para reforzar un carro. O verbo abordelar significa engadir unha ou máis parellas de animais de tiro a outra, para mover un carrado atoado. En sentido figurado, axudar. Trala súa refundación en maio do 1998, o grupo cervense do mesmo nome cumpre neste 2018 vinte anos de andaina, nos que contribuíu a democratizar a cultura e tirou do carro do teatro popular na bisbarra.

Os integrantes do grupo. CEDIDA

“IRRADIACIÓN”

“Tivemos un efecto de irradiación”, indica Piñeiro. “Daquela había poucos colectivos e algo inconstantes. Trala nosa fundación xurdiron na Mariña outras dez agrupacións, precisa. Varias delas, en poboacións como San Cibrao, Fazouro ou Cangas de Foz, están relacionadas co colectivo. Esa semente é o orgullo do Bordelo.

UNHA PEZA POR ANO

O grupo –polo que pasaron 24 intérpretes e que agora forman Paz Rodríguez, José Manuel González ‘Copa’, Dolores Viamonte, Toñito González e José Vicente Mon, ademais de Piñeiro- representou máis de 500 actuacións en Galicia e Asturias. Estrea unha peza por ano e ten máis fieis ca algunhas compañías de teatro profesional. As veladas de teatro que organiza cada mes de agosto -a décimo oitava edición será do día 2 ao 4– enchen a Praza do Souto.

Cartel das veladas. AXM

“BAIXO A APARIENCIA, VERDADE”

Cal é o segredo? “O teatro popular di o que a xente cala pero querería dicir. Baixo a apariencia ten que haber unha verdade”, sostén o director. O Bordelo pasa a realidade polo filtro da retranca. En ‘Relax total‘, os gandeiros preguntábanse como ían matar os porcos sen coitelo -“a bicos?”- trala normativa europea, nunha escena que anticipaba o que aconteceu co endurecemento das regras, ou coa imposición dos criterios urbáns sobre os rurais: os cochos -e os cortellos- desapareceron das aldeas. ‘Andar á comenencia‘ criticaba o abuso de poder dos políticos que só gobernaban para quenes facían vulto nos mitins.

“a través da retranca, dicimos o que a xente cala pero querería dicir”

O apego da xente polo teatro popular dá para elaborar moitas teorías sobre o seu éxito, pero quizais os detalles sexan máis esclarecedores. “Unha emigrante díxome que parecía que lle copiaramos a súa vida”, expón Piñeiro, que lembra a un espectador “que tiña unha perda de oído do 90%, pero que seguía a obra polo ritmo, e que a interiorizara de tal xeito que sabía cando nos equivocabamos”.

Logo de 20 anos, con boa parte dos obxectivos cumpridos, “o proxecto quizais estea amortizado e toque recoller as velas”, sinala Piñeiro. Pero axiña sae á palestra o combustible que motiva á agrupación. “Pasa unha cousa curiosa. Hai xente que perdeu seres queridos que nos di que non sae da casa nada máis que para acudir ás obras. Nunca irían a unha festa, porque están de loito, pero veñen vernos”, expón Piñeiro. E daquela, unha noite máis, o teatro popular vólvese bordelo, axuda.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...