InicioCulturaGuía para desfrutar do Nadal na Mariña

Guía para desfrutar do Nadal na Mariña

Teatro, galas solidarias, espectáculos de burbullas, humor, deporte ou o musical 'Virskyi' animarán unhas festas na que as crianzas serán de novo as protagonistas

Publicada o

- Advertisement -

O Xornal da Mariña ofrece un resumo a xeito de guía das actividades culturais para o Nadal nos municipios da bisbarra e tamén no Occidente de Asturias.

ALFOZ

A Concello de Alfoz organiza distintas actividades de Nadal dentro do programa ‘Nadal en Igualdade’ durante o domingo 22 e luns 23 de decembro no Castelo do Castro de Ouro. Dende as 16.30 horas ata as 18.00 horas haberá actividades infantís para nenos e nenas de distintas idades, onde realizarán xogos e obradoiros creativos, como por exemplo un obradoiro de ilustracións de contos.

Ase mesmo, durante os dous días permanecerá instalada unha Gran Bola de Neve a modo de ‘photocall’ onde poder realizar as fotos de Nadal no entorno do Castelo do Castro de Ouro.

Ademais o luns 23 ás 18.30 horas terá lugar a entrega de premios e diplomas do XVII Concurso de Postais de Nadal organizado pola Biblioteca Municipal de Alfoz.

BARREIROS

A programación cultural en Barreiros comeza este sábado (20.00 horas, colexio vello de San Miguel) coa representación da obra teatral “O Documento” do Grupo Teatro Colectivo Cultural Ollomao. O domingo 22, a peza interpretarase de novo ás 18.00 horas.

O luns 23 celebrarase un obradoiro infantil de creación de adornos do Nadal; pola tarde, haberá teatro de marionetas con Trécola (18.00 horas, centro sociocultural), que porá en escena ‘O agasallo de Anya‘. O martes 24 recibirase a Papá Noel pola mañá, e o 27 terá lugar un parladoiro sobre Barriga Verde (17.00 horas, colexio vello).

Colectivo Cultural Ollomao. AXM

O domingo 29 (18.00 horas) será o concerto de Nadal da Coral Polifónica, e o 30 chegará o Apalpador. A posteriori, o grupo infantil de teatro de Ollomao interpretará ‘Como está o patio‘.

O domingo 5 será a Carreira Popular solidaria e a Cabalgata e recepción dos Reis Magos.

BURELA

A Fundación Eu Son celebra o domingo 22 a súa terceira Gala (auditorio, 22.30 horas), presentada pola actriz mariñá Estíbaliz Veiga e coa actuación de Batuko Tabanka ou Crooner 432, entre outros.

Gala de Eu Son. AXM

O día 25, o Concello de Burela ofrecerá Virskiy‘, o lendario espectáculo de música e danza. Será no pavillón de Vista Alegre, a partir das 19.00 horas. O prezo das entradas é de 15 euros na zona central e de doce nas partes laterais do recinto.

O día 27 será a quenda da comediaManuel Manquiña representará (20.00 horas, auditorio) o espectáculo ‘Relatos Negros.

No día dos Santos Inocentes, celebrarase unha Gala Solidaria para Cabo Verde con actuacións tan destacadas como as de Guadi Galego, Ugia Pedreira ou Batuko Tabanka. A fin do evento é recadar diñeiro para mercar material para unha escola en Porto Mosquito e poder tratar un músico africano invidente.

CERVO

En Cervo, a programación inclúe o ciclo de conferencias “Escoitando o Mar”, organizado por Mariña Patrimonio, e que terá lugar os días 20, 26 e 27 de decembro, a partir das 18.30 horas, no Museo do Mar. O sábado 21 (17.00 horas, pavillón do Ceip de Cervo) desputarase o XII Campionato de Nadal de Nihon TaiJitsu.

O domingo, 22 de decembro, inaugurarase a exposición “Basuraleza”, ás 13.00 horas, na sala de exposicións da Casa Cultura. Unha mostra obra de Emilio Pascual, conformada por 15 pezas elaboradas con restos que o autor atopou e recolleu en contornas naturais.

Xa pola tardiña a partir das 16.30 horas, a asociación de veciños do Burgo de Trasbar convidou a Papá Noel ao seu local social; ademais para o 31 de decembro tamén animan a brindar polo novo ano, a partir das 19.00 horas.

A partir das 18.00 horas dese 22 de decembro o auditorio da Casa da Cultura acollerá a tradicional e agardada Gala de Nadal, protagonizada polos diferentes grupos de música, canto e baile do municipio.

Cartel da Noiteboa infantil cervense. AXM

O martes 24 de decembro a Asociación Fervenza de Sargadelos coa colaboración do Concello, organiza un ano máis a Noiteboa Infantil. Será a partir das 16.30 horas nas Escolas Vellas de Cervo. Durante toda a tarde haberá actividades pensadas para os máis pequenos, como a actuación musical de Mamá Cabra ou a ludoteca con Xogando nas Nubes, e non faltará a merenda e a visita de Papá Noel.

CALLO FEST

O venres, 27 de decembro, terá lugar o Callo Fest, na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Cibrao, que organiza a asociación Amigos da Troula, coa colaboración do Concello. O festival comezará ás 20.30 horas. Nesta terceira edición o cartel está conformado por Blow, Jony Ramos & Sunday Morning Club, Stoned at Pompeii, e Green Hot Peppers.

Os Reis Magos pasarán por San Cibrao o día 5, desde ás 18.00 horas desde o Pavillón da Veiga ata o auditorio, e por Cervo, ás 19.00 horas desde as Escolas Vellas ata o salón de actos do Concello. Tamén está prevista a actuación, a continuación, do grupo de teatro O Bordelo.

Ademais o sábado, 28 de decembro, ás 18.00 horas, a carpa instalada na praza dos Campos acollerá o espectáculo infantil “Rey León”. O 29 o auditorio será o escenario dun concerto ofrecido polo quinteto de clarinete “Albán Ensemble” ás 19.00 horas, e o sábado, 4 de xaneiro, o coro Tempus Fugit actuará no auditorio a partir das 20.00 horas. O día 30 haberá cinema, coa película ‘Paddington 2‘.

O café bar cultural A Sacabeira, en Sargadelos, continuará, desde este sábado, coa súa completa programaciónde decembro.

FOZ

En Foz, a programación este sábado ábrese con teatro infantil da man de Ghazafhellos coa obra ‘Nana para un soldado‘, ás 18.30 horas na Sala Bahía; ese mesmo día na igrexa haberá un concerto a cargo do coro ArsPholifónica. O domingo 22 ás 12.00 na Sala Bahía terá lugar o acto homenaxe aos 40 anos de corporacións democráticas municipais, nunha xornada que completará a carreira Run Foz Run.

O martes, Papá Noel estará na vila focega ás 12.00, percorrendo as rúas desde a casa da cultura ao consistorio. O día 25 será o concerto de Nadal da Banda de Música, ás 20.30 horas na Igrexa. O sábado 28 haberá teatro infantil, coa obra ‘Proxecto Noee‘ de Sarabela (18.30 horas, Sala Bahía).

O martes 31 ao mediodía haberá un concerto na Avenida da Mariña a cargo do Grupo de Jazz da Escola de Música. O Baile de Fin de Ano, pola noite, correrá a cargo do Grupo Lecer. O día 2, o Mago Lledó poñerá a maxia (18.30 horas, Sala Bahía) e o 5 será a tradicional Cabalgata.

RIBADEO

En RibaXogo é a aposta do Concello de Ribadeo e a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) para este Nadal. Desde o sábado haberá numerosas atraccións: multicircuíto de karts (a pedais) ou bañeiras tolas, simulador de surf, espazo infantil e para obradoiros, rokomonte, barredora ou wipe out, parede interactiva e, ademais, nunha parte anexa á carpa estará a atracción Battle Area para xogar con dispositivos Nerf, lanzamento de bolas de esponxa nun xogo de equipos e de estratexia.

Representantes do goberno local e da Acisa, xogando en RibaXogo. AXM

RibaXogo estará aberto todos os días no Parque de San Francisco desde o 21 deste mes ata o 5 de xaneiro, excepto o 25 de decembro e o 1 de xaneiro. De luns a xoves o horario de apertura será de 17.00 a 21.00 horas e os venres, sábados e domingos funcionará ademais de 12.00 a 14.00 horas e tamén polas tardes de 17.00 a 21.00 horas. Os días 24 e 31 de decembro, é dicir Noiteboa e Anovello, abrirá de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00.

Acisa tamén programará diversas actividades, entre elas teatro, a visita de Papá Noel ou o sorteo de 4.000 euros en vales de regalo.

Cartel das actividades de Acisa. AXM

Os 28 expositores do XVI Mercado do Nadal de Ribadeo estarán abertos no parque de San Francisco ata o vindeiro domingo, día 8, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.

TRABADA

O Concello de Trabada organiza un campamento infantil durante o período non lectivo de Nadal (dende o luns 23 de decembro a ta o martes 7 de xaneiro) coa finalidade de contribuír e facer máis doado a conciliación da vida familiar e laboral.

Neste período realizarase a programación polas mañás, en horario de 10.00 a 14.00 horas, a excepción dos venres que será en horario habitual (de 16.00 a 20.00 horas). O domingo, 22 de decembro ás 12.00 horas, o Club Trabada Futsal fará unha campaña de recollida de alimentos non perecedeiros para repartir coas familias máis vulnerables do Concello, ao mesmo tempo que disputan o último partido de fútbol sala deste ano.

O sábado, 28 de decembro ás 11.00 horas, levarase a cabo un curso de cociña a cargo de Bruno Pena Arnaú no que se tratará a cociña aplicada a intolerancias e alerxias alimentarias. Pola tarde, ese mesmo día, a asociación cultural Os Tres Pés achegará aos máis pequenos o Apalpador.

O sábado, 4 de xaneiro, como todos os primeiros sábados de mes, ás 21.00 horas o grupo Adala interpretará a obra de teatro ‘O que armou unha zoca‘. O domingo, a asociación Cultural O Picato organizará a tarde de Reis.

VEGADEO

A asociación que agrupa ao Comercio de Vegadeo (Ascove) tamén organiza distintos eventos para este Nadal. Podes consultalos nesta imaxe.

VIVEIRO

A programación en Viveiro inclúe teatro para os máis pequenos, marionetas da man do grupo Trécola, obradoiros como o ArteNadal e o tradicional concerto da Banda de Música. O espectáculo humorístico e máxico de Le Cirque (o día 4 de xaneiro) ou o de burbullas con pompas de xabón de Bubble (o día 2) súmanse a citas habituais como a gala da Maxia no día dos Santos Inocentes.

A programación ten en conta, como non podía ser doutra maneira, a época do ano, coa Festa de Papá Noel o día 24 de decembro pola tarde ou a cabalgata de Reis do 5 de xaneiro, que sairá de Celeiro e chegará á Praza Maior de Viveiro.

Programación cultural de Viveiro. AXM

Esta axenda cultural da concellería xestionada por Lara Fernández únese ao Belén ‘Viveiro ante o berce’, o ‘Belén de Bágoas da Terra’ na Biblioteca, o mercado ‘A Trastenda de Nicomedes’ ou as visitas guiadas organizadas polo concello.

Cartel da Trastenda de Nicomedes. AXM

O Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) tamén organizará actividades durante o Nadal, co sorteo de 6.000 euros, a Casiña de Papá Noel ou a actuación nas rúas do coro Tempus Fugit. Pódelas consultar aquí.

XOVE

Concurso de Karaoke, teatro, concertos, torneo de bádminton e unha festa infantil de Ano Vello, ademais do habitual Lecer Blanco con obradoiros para as crianzas, serán algunhas das actividades do programa de Nadal do Concello de Xove.

Actividades en Xove. AXM

Podes consultar toda a programación na imaxe sobre estas liñas.

As actividades, especialmente aquelas ao aire libre, poderían suspenderse ou variar de data en función da incidencia da borrasca Fabien prevista para a fin de semana do 21 e 22 de decembro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...