A Consellería de Cultura e Turismo impulsa a través do programa “O teu Xacobeo” o ciclo de monólogos ‘Humor no Camiño‘, que organiza a Asociación Xuvenil Sagrado Corazón de Lugo e ao que achega 19.200 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o presidente da entidade organizadora, Óscar Engroba, presentaron este xoves o programa, que inclúe dez paradas noutros tantos concellos polos que discorren os Camiños Primitivo, Norte e Francés, todos da provincia de Lugo menos o de Melide, que inaugura o programa.
Os participantes son humoristas de prestixio que se comprometeron a crear monólogos que tiveran como eixe historias ou vivencias do Camiño. Abrirá a programación J. J. Vaquero, na Casa da Cultura de Melide, este sábado ás 20.30 horas. E o seguinte actor en sumarse será Carlos Blanco, o 31 de xaneiro en Vilalba e o 1 de febreiro en Ribadeo.
O 21 de febreiro, o auditorio Gustavo Freire de Lugo recibirá a Vaquero, Nacho García e Dani Fontecha. A partir de aí, Pedro Brandariz visitará Baleira e Castroverde; Pepo Suevos, A Fonsagrada; Xan Veiga, Portomarín; e David Perdomo, Sarria e Mondoñedo, onde pechará o programa.
Engroba sinalou que se fixaron prezos populares, especialmente nos concellos rurais que habitualmente dispoñen de menor volume de programación cultural. As persoas interesadas poden atopar toda a información sobre datas, horarios e localizacións e comprar as entradas na web da asociación.
SEGUNDA CONVOCATORIA
Balseiro argumentou que este proxecto “é unha boa mostra do tipo de iniciativas que a Xunta de Galicia quere promover coa convocatoria de O teu Xacobeo, actividades de dinamización social e cultural que xurdan do tecido social e cheguen a todo o territorio, logrando que todos os galegos se sintan partícipes da gran celebración que é o Ano Santo para Galicia”.
O delegado territorial da Xunta lembrou que neste momento está aberta a segunda convocatoria, para recibir novas propostas de actividades que se celebren entre o 1 de maio de 2020 e o 30 de abril de 2021. O prazo de solicitudes permanece aberto ata o 30 de decembro.