InicioCulturaPedro Ajuriaguerra, protagonista do Calendario LAR 2020: "gústame captar a épica do...

Pedro Ajuriaguerra, protagonista do Calendario LAR 2020: “gústame captar a épica do deporte”

O fotógrafo vasco gañou o certame que convoca cada ano a imprensa de Viveiro

Publicada o

- Advertisement -

O microbiólogo Pedro Ajuriaguerra Saiz (Bilbao, 1974) resultou gañador do certame de fotografía que cada ano convoca Gráficas LAR para a elaboración do seu Calendario.

O fotógrafo vasco sucede así como gañador ao mexicano Eliud Samaniego. As doce espectaculares imaxes de Ajuriaguerra, todas de temática deportiva tal e como requería o certame, ilustrarán os doce meses do Calendario LAR 2020, que terá unha tirada de 1.000 exemplares.

Este, cun importe de 300 euros, é un dos últimos premios que vén de engadir o fotógrafo gañador -colaborador de empresas e medios de comunicación- ao seu extenso currículum, pois recibiu, entre outros, o Metro Photo Challenge.

Que significa para vostede este premio?

Por suposto é gratificante que premien as túas fotografías. Sexan en concursos máis pequeniños ou internacionais, significa que gustan as miñas imaxes. Que sexa ademais para a publicación dun calendario, que é bonito de recibir nestas datas, faino tamén especial.

Fotografía do mes de xaneiro. PEDRO AJURIAGUERRA

O concurso este ano estivo dedicado á fotografía deportiva. É o seu forte?

Fago un pouco de todo. Fotografía deportiva, tamén arquitectura e algo de paisaxe. Nas imaxes de deporte céntrome moito, porque vexo que hai unha maior carencia e é máis doado buscarse un oco. A min gústame moito competir con xente, porque me dá moitas satisfaccións; sínteste recoñecido e tamén aprendes dos outros fotógrafos. Neste caso presentei unha colección das miñas instantáneas, omitindo algunhas máis violentas quizais, porque non encaixarían ben nun calendario deste tipo.

Que fotografías presentou?

Fixen fotografías de atletismo, de boxeo, de carreiras de cabalos… Hai unha curiosa de skate, feita hai tres anos nunha igrexa de Asturias que foi reconvertida como pista, pintada con graffitis por un artista asturiano.

Que lle gusta da fotografía deportiva?

Gústame moito a épica do deporte, ese halo épico que ten o boxeo, por exemplo. Hai momentos únicos. No caso do boxeo, é un deporte moi denostado, e tento relanzalo un pouco co meu gran de area, cambiar esa mentalidade. Que vexan os boxeadores como deportistas, atletas, e persoas que teñen a súa beleza.

Entrega do Calendario Lar 2020 a Pedro Ajuriaguerra. AXM

En Bilbao fotografei un partido de baloncesto de persoas que xogaban en cadeira de rodas. Nunha das fotos, sacada nun contraataque, parecía que non había tal cadeira. Tratábase dun paralímpico moi importante a nivel español e non semellaba que fose paralímpico. No fondo si se vía unha cadeira, o que te posicionaba ante o que estabas vendo; pero a do protagonista non se vía, o que che convidaba a pensar que non son paralímpicos, senón simplemente xogadores de baloncesto.

Que define o seu estilo?

Ten algo de cómic, é unha fotografía moi contrastada, moi saturada, con moita utilización do branco e negro. Iso choca bastante. Ao final tentas atopar un estilo, dalgunha maneira. Tamén me gusta a fotografía con dron aéreo, que é complicado, porque hai moitos lugares onde non se pode. Nos veráns métome coa fotografía macroextrema. Unha amiga fíxome unha entrevista na que dixo que me vía como un tiburón, que busca sempre novas fotos, sedento de imaxes novas. Unha vez que finalizo unha, xa quero outra.

O importante non é o resultado, senón a búsqueda.

Así é. Unha vez feita perde a súa inmediatez, parte do seu encanto para min.

E cal é o proceso de facer unha fotografía?

A fotografía hai que atopala. Sempre tes que ter unha idea, buscar algo, pero sempre podes buscala en determinados ambientes: nun reflexo na auga… Ás veces vas con profesionais e dinche: “aí tes unha foto”, no chan, onde non a ves. Hai que tentar buscar ter unha mirada que che permita facer fotos diferentes.

Partido de rugby: ‘Verde ou azul?’. PEDRO AJURIAGUERRA

Empezou non hai moito tempo e dunha maneira case casual.

Así é. A partir dun regalo da miña parella. Era unha cámara compacta, non unha reflex, e a partir de aí vin que me atraía moito. Empecei a experimentar todo o que puiden para quitarlle o máximo partido, buscando información de técnicas, que ao pouco tempo xa as vía dalgunha maneira obsoletas. Funme metendo pouco a pouco e agora teño cámaras profesionais.

Que supón a fotografía para vostede?

Pois para min supuxo poder facer amigos en moitos lugares onde fun premiado ou onde participei como xuíz de concursos. Recibín premios en Emiratos Árabes, en Siena (Italia), Londres… É fantástico poder coñecer xente de todo o mundo coas túas mesmas inquedanzas, coa túa mesma paixón. É unha marabilla poder manter eses lazos. Sempre penso que sen a fotografía non sería capaz de conseguir iso.

En cambio, nunca quixo dedicarse totalmente a ela.

Non me dedico o 100% á fotografía: traballo habitualmente con revistas deportivas, xornais como Marca ou As, axencias de viaxes… Pero sigo traballando como técnico de augas. Sería cambiar a miña vida e a miña familia; para min así está ben. Non quero que a miña fotografía se vexa supeditada a un traballo concreto, senón que cando a vaia facer sexa porque me gusta.

Falando de coñecer persoas e lugares, coñece A Mariña Lucense?

A verdade é que non. Non coñezo apenas Galicia. Con 16 ou 17 anos fixen o Camiño de Santiago en bicicleta e logo poucas veces estiven. Está na nosa axenda coñecer toda esa zona. Temos referencias de que é moi bonita e moi similar á nosa terra, ese norte que para nós é tan belo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...