O Concello de Ourol organiza as primeiras Xornadas de Historia Local do municipio, que se celebrarán os días 9 e 10 de agosto no edificio multiusos do termo municipal. A entrada será de balde.
XOVES
O programa comezará o xoves, coa inauguración ás 18.00 horas. Ás 18.15, Anxo Vázquez Pernas, que foi director do programa de televisión A Labranza, pronunciará a conferencia titulada ‘A agricultura: séculos de cambio ata a case desaparición actual‘.
Ás 19.00 horas será a quenda de José María Puentes Ramos, que disertará sobre ‘Os camiños reais: camiños e viaxeiros na antigüidade‘.
VENRES
Martín Fernández Vizoso abrirá a xornada do venres, adicada á emigración, cunha charla sobre os ‘Emigrantes de Ourol, Viveiro e A Mariña no Uruguai‘. A conferencia empezará ás 18.00 horas, e ao seu remate comezará a intervención de José Manuel López Chao, que afondará na figura de José María Riguera Montero, un ourolés que fixo fortuna en Montevideo.