Mondoñedo acollerá desde este venres o segundo encontro da narración oral galega. A cidade mindoniense foi no 2019 a sé da primeira xuntanza do colectivo NOGA, cun programa que inclúe actividades formativas destinadas a profesionais e semiprofesionais, tanto deste como doutros oficios, e actos abertos ao público, como a gala (21.00 horas, auditorio Pascual Veiga) que inaugurará o evento.
O encontro servirá para que uns 40 narradores fagan piña e se afirmen como colectivo. “A anterior xuntanza foi moi bonita, saímos cunha sensación moi forte de gremio“, explica unha das organizadoras da cita, Cris de Caldas.
Os contos entretiveron e educaron ao longo da historia a moitas xeracións de galegos. Hai un censo dos narradores orais en Galicia? “É algo que tiñamos en mente, pero non é sinxelo de facer, porque entendemos que non chegamos a toda a xente que queremos”, sinala. “A participación este ano foi maior có anterior, iso fala de que reunirnos foi un éxito. Cremos que o ano que vén seremos máis”, remarca.
“DIGNIFICAR O OFICIO”
O sábado haberá unha xuntanza na que profesionais e semiprofesionais abordarán as súas circunstancias laborais, buscando aquelo que os une. “Hai moita variedade. Xente que conta só para nenos e outra que traballa só para adultos; narradores orais que contan co corpo e persoas que utilizan títeres ou música; pero ao final temos unha serie de problemas comúns”, indica.
“Queremos dignificar o oficio. Loitar por un caché digno, por que poidamos formarnos aquí sen ter que marchar fóra, a relación coas institucións, ter unha páxina web para darnos visibilidade… Do ano pasado saíron mesmo grupos de traballo; un deles, que se chama Teoría, ofrece unha perspectiva histórica do que é o conto”, subliña.
“Notamos que hai unha tendencia a pensar que os contos son principalmente para nenos, e queremos axudar a formar unha rede nas vilas para que se programen máis contos para adultos. Tamén falaremos das vantaxes e desvantaxes de converternos en asociación, nunha entidade xurídica“, concreta.
Por que Mondoñedo como centro? “Está claro que é unha vila especial, cunha impronta literaria que lle dá Álvaro Cunqueiro e tamén outras persoas”, razoa a narradora, que precisa que a colaboración do Concello foi fundamental. “Felipe Díaz, Caxoto, e Ángeles Goás, que son da zona, presentaron o proxecto e desde o principio a predisposición foi excelente, dixeron que si practicamente a todo. Este ano ofrecerannos dúas noites de pernoita na Hospedería Santa Catalina“, expón.
PROGRAMA FORMATIVO
As actividades formativas, o sábado pola mañá -desde as 10.00 horas- e ata primeira hora da tarde, inclúen un obradoiro, titulado ‘Falamos da voz‘, da man de Faia Díaz, cantante e historiadora da Arte; a xornalista Eva Mejuto falará sobre ‘Conto, igualdade e diversidade‘. Pablo Ángel Meira Cartea, profesor de Educación Ambiental na USC, exporá a ponencia ‘O cambio climático non existe… É un conto‘.
Finalmente, a actriz e doutora en Ciencias da Comunicación Comba Campoy dará unha conferencia sobre ‘Violencia nos títeres‘.
UNHA GALA E UN ROTEIRO “DE CONTO” ABERTOS AO PÚBLICO
O vindeiro venres, 24 de xaneiro, o programa abrirase cunha gala “chea de sorpresas” que conducirá Carmen Conde.
Para o día 26, o programa recolle un roteiro para público familiar, que leva por título o de ‘Aquí contamos‘. O percorrido empezará ás 11.30, no quiosco da Alameda dos Remedios, pasará pola Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, a Fonte Vella, o barrio dos Muíños e a Ponte do Pasatempo. O percorrido acabará sobre as 13.00 horas. Os organizadores anuncian “unha mañá chea de narración para todas as idades, por lugares de conto”.