O Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo acolleu este xoves a preestrea da película ‘Arima‘, da directora vasca afincada en Galicia Jaione Camborda, que foi rodada maioritariamente na cidade mindoniense. O deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, ou a alcaldesa, Elena Candia, asistiron á proxección da longametraxe.
A que é a ópera prima de Camborda como directora de longas, vén de acadar o Premio Escáner no Festival Márgenes de Madrid e o Premio á Mellor Dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Sevilla. Ademais, na rodaxe da cinta participaron dous alumnos de produción e un de realización do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, que realizaron a súa FCT (Formación en Centros de Traballo) de marzo a xuño de 2018.

A cidade de Mondoñedo converteuse en plató de cine durante a rodaxe de Arima, unha produción de Esnatu Zinema. Na cidade mindoniense gravouse o groso da película, aínda que tamén hai outras localizacións en Santiago de Compostela e na comarca de Ferrol. Segundo a directora vasca, en Mondoñedo atopou as localizacións que levaba anos buscando para un guión que escribira anos atrás.
Trátase dun thriller psicolóxico protagonizada por Mabel Rivera, Melania Cruz, Rosa Puga, Iria Prada, a mindoniense Nagore Arias e Tito Asorey. É a historia de catro mulleres e unha nena cuxa vida se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Todo se move na fronteira entre o real e o máxico.

APOIO DA DEPUTACIÓN
Ademais da participación en ‘Arima’, a Deputación está a apoiar outros proxectos lucenses ou gravados na nosa provincia. Os máis recentes son ‘O Sabor das margaridas‘, a primeira serie en galego incorporada á plataforma audiovisual Netflix, e o documental ‘Welcome to ma maison‘ da produtora meirega Gaitafilmes. O organismo provincial tamén apoiou películas multipremiadas como ‘O que arde‘, ‘A sombra da lei‘ e ‘Dhogs‘.