“Caldo de groria”, Eli Ríos ou unha mostra sobre a estrela da autora animarán o Día de Rosalía na Mariña

O Concello de Foz prepara unha mostra sobre o astro dedicado á escritora e Fervenza de Sargadelos convida a reflexionar sobre o legado da poeta

Eli Ríos. GALICIA CONFIDENCIAL

O Concello de Foz e a Asociación Cultural Fervenza de Sargadelos programarán actos para celebrar o Día de Rosalía de Castro. Unha charla da escritora Eli Ríos ou a posibilidade de coñecer a estrela nomeada coma a célebre poeta galega son algúns dos actos programados.

A concellería de Normalización Lingüística de Foz lembra que dende 2019 o espazo conta cunha estrela que tras a decisión da Unión Astronómica Internacional foi nomeada como Rosalía de Castro. A Agrupación Astronómica Io da Coruña cedeu ao goberno local focego dous paneis informativos que inclúen a localización do astro e información sobre a galaxia onde se atopa. Poderase ver desde o 10 de xaneiro ata o 3 de marzo na biblioteca Salgado Toimil.

Estrela que leva o nome de Rosalía de Castro. AXM

O 24 de febreiro, a partir das 17.00 horas, haberá un acto de lectura de poemas da escritora. Será no Cenima, e o executivo municipal convida a todas as persoas que o desexen a participar.

O café bar cultural A Sacabeira de Sargadelos será o epicentro das actividades programadas pola asociación Fervenza. Sobre as 12.30 horas poderase degustar o “Caldo de Groria“, baseado na receita exposta nun escrito de ‘Follas Novas‘. Ás 18.00 horas, Eli Ríos, autora de ‘Luns‘ (novela premiada co Torrente Ballester de narrativa), entre outras obras, ofrecerá a charla ‘Todas as escritoras somos fillas de Rosalía?’.

Finalmente lerase, ao igual que en Foz, o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here