A curtametraxe ‘Mare‘, dirixida polo realizador viveirense Guille Vázquez, vén de ser incluída na sección oficial do Festival de Málaga, unha “sorpresa e alegría moi grata” para o mariñao, que con esta peza debuta como director de ficción.
Nacido en 1992 en Lugo e criado en Viveiro, Vázquez estudou Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela e posteriormente cinema en Praga, Berlín e Madrid, onde vive e traballa. Tras asumir a dirección de fotografía en curtametraxes como ‘Index’ (2018), de Daniel Damanti, ou ‘To The Sea’ (2019), de Julian M. Grünthal, a súa obra de debut vén de recibir “un empurrón inesperado”.
“Cando comezamos a preparar ‘Mare’, na primavera de 2018, traballabamos sen ningunha expectativa, pensando en lanzar directamente a peza a Internet“, remarca o director, que espera que a premiere en Málaga poida abrir “algunhas portas. Probamos primeiro a mover a curta nos festivais máis grandes, e se este non é quizais o máis prestixioso do circuíto, si é un dos máis coñecidos”, expón.
SOBRE A NARCOLEPSIA
O título, ‘Mare’, refírese ao íncubo ou o demo do folclore medieval a quen lle atribuían a responsabilidade dos agonizantes casos de parálise do soño. E a temática nace dunha experiencia a nivel familiar do realizador. “Miña nai padece narcolepsia desde hai décadas, desde que eu a coñezo. Foi ela quen me comentou a explicación mitolóxica” que se lle deu a esta doenza, relata. “Non sempre reflexionas sobre este tipo de cousas e as súas consecuencias, e a partir de facelo levaba tempo querendo construír algo sobre iso”, engade.
A curta parte dunha rapaza que busca a alguén que entrou na súa casa cando se atopaba entre o soño e a vixilia. É unha peza “metafórica e bastante críptica, sen diálogos, que responde a unha intención de facer algo moi visual“, concreta Vázquez.

LOCALIZACIÓNS E EQUIPO DA BISBARRA
A rodaxe foi en outubro de 2018, con localizacións na Mariña Lucense e cun equipo no que sobresaen varias persoas da bisbarra. Vázquez rodou nunha casa indiana situada en Magazos, propiedade de Ramón Balseiro, e tamén gravou planos na ría de Viveiro.
Con respecto ao equipo, Vázquez precisa que “tirei moito de amigos, tanto da comarca como de Madrid. A música, que é moi importante na curtametraxe, é obra do viveirense Javier Fajardo; tamén se implicou a tope outro viveirense, Hugo Aja, que completa o reparto”, enumera. “Están Borja Conde, Diego Aparicio e Fabio Fernández. Na mestura de son axudoume Gabriel Fernández. A directora de arte foi a viguesa Carmen Triñanes e a protagonista é Ede, teclista de Xoel López e que debuta nun papel principal”, explica.
Vázquez vive unha época de amosar o feito. O vindeiro xoves estrearase o seu primeiro documental como director, baseado nun concerto do rapeiro Juancho Marqués. O día 13, proxectarase no Teatro del Soho malacitano a súa ópera prima. ‘Mare’ foi seleccionada xunto a outras 23 pezas dun total de 874 participantes. “Se o pensas, acolloa un pouco”, admite. E tamén é significativo.