A concellería de cultura de Burela incluirá no programa da Feira do Libro, que se celebrará os días 31 de agosto e 1 e 2 de setembro, a primeira edición do concurso ‘Relatos al vuelo‘, prevista para a mañá da primeira xornada do evento, de 12.00 a 13.00 horas.
Os participantes no concurso deberán escribir unha historia de non máis de 300 palabras con temática libre na que se deberán incluír tres palabras escollidas ao azar. Os concursantes terán un tempo máximo dunha hora para presentar os seus traballos. O relato que elixa o xurado, composto por escritores asistentes á feira, lerase na xornada do sábado.
Os interesados en participar, sempre e cando sexan maiores de 16 anos, poden escribirse a partir deste mércores no correo electrónico casadaxuventude@burela.org. O certame disporá dun premio de 50 euros e trofeo.
PREGÓN
Ademais, o edil de cultura burelés, José Díaz, avanzou que o escritor madrileño Matías Escalera será o pregoeiro desta edición da feira. O pregón está previsto para o sábado ás 12.30 horas.
Outro dos atractivos do evento será a presenza do novelista pontevedrés Manel Loureiro, o venres ás 20.00 horas. O escritor falará da súa última obra, ‘Veinte‘, e da súa traxectoria literaria. “Trátase dun dos autores españois con máis ventas desde o éxito do seu libro ‘Apocalipsis Zombie‘, e para nós será un luxo contar cun gran narrador e comunicador, que colabora con ‘Cuarto Milenio‘ e outros programas de televisión e radio”, expón Díaz.