InicioCulturaContacontos, videoarte, charlas ou dramatizacións animarán o programa online de Viveiro polo...

Contacontos, videoarte, charlas ou dramatizacións animarán o programa online de Viveiro polo Día das Letras

David Catá, que fará unha peza audiovisual co himno, o músico David Bellas, a narradora oral Raquel Queizás, o cronista e Suso Martínez participarán nas actividades, do 17 ao 19 de maio

Publicada o

- Advertisement -

A Concellaría de Cultura de Viveiro deu a coñecer a programación organizada para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

As circunstancias actuais obrigaron a modificar as actividades previstas inicialmente, entre as que se incluía a obra teatral ‘As pitas baixo a choiva’, para o público infantil, baseada no relato homónimo do autor.

Con todo, o Concello de Viveiro “non quixo deixar pasar o Día das Letras Galegas sen ofrecer a toda a veciñanza unha programación deseñada co obxectivo de dar a coñecer a biografía deste persoeiro da cultura galega e conmemorar esta data tan significativa”.

Na tarde de hoxe, xoves, publicarase nas redes sociais do concello o cartel conmemorativo creado para esta celebración, cunha frase destacada de Carvalho Calero. As actividades organizadas polo concello comezarán o propio 17 de maio e prolongaranse durante tres xornadas, nas que diferentes personaxes da vida cultural de Viveiro farán unha homenaxe, dende a súa arte, ao autor ferrolano.

PARA CRIANZAS

Na mañá do domingo 17 de maio, na web e redes sociais do Concello publicarase un vídeo, cun conto de Raquel Queizás, realizado en especial para as crianzas de Viveiro.

Cartel do programa. AXM

Ese mesmo día pola mañá, tamén se porá en marcha a outra iniciativa deseñada para os máis pequenos, mediante a que se pretende coñecer as súas palabras favoritas en lingua galega e encher a rede de palabras fermosas, baixo o hashtag #viveirocoasletras; aquelas persoas que non teñan redes sociais tamén se poden sumar a esta iniciativa colgando as súas palabras favoritas nas fiestras.

O domingo pola tarde publicarase un novo vídeo, no que o artista David Catá realizará unha adaptación do Himno Galego. O luns, 18 de maio, pola mañá, subirase ás redes un vídeo no que o cronista oficial do Concello de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, realizará unha achega á vida e obra de Ricardo Carvalho Calero; ese mesmo día, pola tarde, publicarase outro vídeo, no que o músico David Bellas, interpretará unha peza da súa autoría.

A celebración deste Día das Letras Galegas rematará o martes, 19 de maio, co vídeo dramatizado sobre Carvalho Calero que realizará Suso Martínez.

ANIMA A ACHEGARSE Á FIGURA DO HOMENAXEADO

Cómpre mencionar, ademais, que o nome de Carvalho Calero se engadirá ao vinilo existente na biblioteca pública municipal, no que constan os nomes de todos os homenaxeados no Día das Letras Galegas dende o inicio desta celebración, xunto co ano no que se lles dedicou esta importante festividade.

Finalmente, dende o Concello de Viveiro quérese “animar a todos os veciños e veciñas a que aproveiten esta celebración do Día das Letras Galegas para achegarse á figura de Carvalho Calero, consultando a súa biografía nas moitas plataformas que estes días ofrecen información sobre a súa vida e obra, como, por exemplo, na web da Real Academia Galega“.

ÚLTIMAS

A xuíza chamará “en breve” a declarar aos investigados polo accidente de Xove en abril

A maxistrada titular do Xulgado de Instrución número 2 de Viveiro xa recibiu da...

Foz renova a frota de vehículos con catro novos transportes para o servizo de obras

O Concello de Foz vén de adquirir catro novos vehículos para o servizo de...

Detectado en Xove outro caso de gripe aviaria en gaivotas patiamarelas

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a...

ACISA Ribadeo repartirá 6.000 euros en premios na XIII Festa do Comercio

Acisa ven de presentar a XIII Festa do Comercio. A campaña desenvolverase do 1...