Mondoñedo, Ribadeo ou Ferreira do Valadouro celebran as súas festas patronais, que protagonizan a axenda cultural e de ocio da fin de semana.
FOZ
A 56 edición da Travesía Ría de Foz, a terceira proba máis antiga de España, traerá o sábado á vila mariñá aos mellores padexeiros de Galicia e Asturias.
A colonia asturiana en Foz celebra A Santina. Será o sábado, desde as 19.00 horas, con espicha, verbena e entrega do escanciador de honra a Antonio Núñez.
MONDOÑEDO
As festas patronais dos Remedios animarán a fin de semana en Mondoñedo. Arrincan este venres, co festival ‘Mamá quero cantar‘ e a Festa da Xuventude, e prolongaranse até o martes 11. O programa inclúe espectáculos de maxia, fútbol, cantos de taberna e sesións vermú e verbenas.
RIBADEO
Continúan as festas patronais de Ribadeo, na honra de Santa María do Campo. Este venres, a verbena comezará as 22.30 horas e á medianoite celebrarase a sesión de fogos artificiais no peirao. O sábado, día da patrona, e o domingo tamén haberá baile.
O VALADOURO
Este venres comezan as Festas do Oito de Ferreira do Valadouro. O festival músico-vocal na honra de Arcadio Mon iniciará os festexos, desde as 20.30 horas. O programa do sábado conta con sesión vermú, a partir das 14.00 horas, e verbena, desde as 22.30 horas.
O domingo haberá actividades para nenos de 17.00 a 20.00 horas, bailes de salón desde as 20.30 e sesión vermú e verbena. As misas serán ás 12.30, o sábado, e ás 12.00 horas o domingo.
XOVE
As festas de Portocelo, en Xove, comezan este venres cunha churrascada a partir das 21.00 horas, e verbena con D-Moda. Na imaxe podes consultar o programa dos festexos, que durarán ata domingo.
VIVEIRO
Na fin de semana comeza o programa de Sábados de Contos cun obradoiro de teatriño de sombras chinesas a cargo de Xogando nas Nubes. Ao remate adaptarase o conto de ‘A bela e a besta‘ para recrear ‘Érase dúas veces a Bela e a Besta’, que servirá para reflexionar sobre os roles de xénero. A actividade comezará ás 12.00 horas e desenvolverase na biblioteca municipal viveirense.
Xunqueira tamén está en festas. O sábado haberá sesión vermú, verbena, actuación da banda-tributo a Queen McKuin e fogos artificiais sobre a medianoite. Na xornada do domingo están previstas unha sesión vermú, a pinchada popular e actividades para nenos.