O teatro será o protagonista da programación cultural do Concello de Lourenzá ata final de ano. O programa teatral que impulsa o goberno local laurentino inclúe unha actuación do cómico Carlos Blanco, o 29 de setembro. Os interesados en adquirir entradas para este espectáculo poderán mercalas a partir da semana que vén, a un prezo de cinco euros.
A compañía Argalleiras Teatro, de Chantada, abrirá a programación teatral do Concello o 15 de setembro, coa obra ‘Comedia bífida‘. O día 22, A Peneda, de Monterroso, interpretará ‘A cea dos idiotas‘. As dúas representacións, financiadas polo programa Buxiganga, da Deputación de Lugo, serán no mesmo lugar e á mesma hora –salón de actos do consistorio, oito da tarde-.
o concello poñerá á venda as entradas para o monólogo de carlos blanco a vindeira fin de semana, a cinco euros
O sábado 29, Carlos Blanco escolmará os seus mellores monólogos nun espectáculo que forma parte do circuíto Cultura no Camiño, impulsado pola Xunta de Galicia.
CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO
Durante o mes de novembro, sábados e domingos, os amantes do teatro afeccionado poderán desfrutar das obras presentadas ao segundo certame Concello de Lourenzá. Os grupos ou compañías interesadas en participar teñen de prazo para inscribirse ata o día 28 deste mes, e atoparán as bases na web municipal.
O edil de cultura, Manuel Arango, resalta que “este ano temos como novidades a incorporación dun novo premio, que será concedido por votación popular, e o incremento da dotación do primeiro premio, que pasa de 600 a 750 euros. Na primeira quincena de decembro, aínda temos a data sen concretar, terá lugar a gala de entrega de premios e contaremos coa actuación dun grupo de teatro ou dun actor profesional”, conclúe.
DECEMBRO
Ademais, segundo adiantou Arango, o goberno local agarda que no mes de decembro haxa outra representación, enmarcada dentro do circuíto de teatro profesional da Deputación.