O Concello de Viveiro, a través da concellaría de Cultura, impulsa ‘De Ruada’, un novo proxecto que aposta pola cultura de rúa e polo “factor sorpresa” como “medida-anti aglomeracións”, expuxo o goberno local a través dun comunicado de prensa.
‘De Ruada’, co slogan ‘cultura de rúa para a xente das rúas’, terá lugar os sábados do mes de xullo polas estradas de Viveiro, Celeiro e Covas. Cun formato de pasarrúas pretende que a cidadanía se atope coa música por sorpresa garantizando a distancia social.
A Concelleira de Cultura, a socialista Lara Fernández Fernández-Noriega, resalta que se veu na obriga de “recolocar os espectáculos de gran formato” para o ano próximo. ‘De ruada’ será a alternativa para continuar coa programación cultural mentres non se retoma a nova normalidade cultural, prevista para o outono deste ano.
Deste xeito, “este proxecto pioneiro explora outros formatos de facer cultura, de entreter e manter a tradición dunha programación cultural sólida e de calidade no municipio”, afirma a edil.
“Tendo sempre en conta as recomendacións sanitarias e a necesidade de preservar a saúde, temos que manter a actividade cultural e de ocio durante o verán, polo que apostamos por esta iniciativa de animación das rúas; será unha gran sorpresa para todos”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
GRUPOS
Para o mes de xullo apostouse pola cultura galega e feita en Galicia, da man de grupos como Organeta, Os Bregadiers, Cé Orquestra Pantasma e Latexo Percusión; que ofrecerán a viveirenses e foráneos unha programación que mestura os ritmos e instrumentos tradicionais con proposta máis vangardistas e ritmos de swing, jazz e rock & roll.
Actualmente estase a traballar na continuidade da programación coa mirada posta no mes de agosto para o que se baralla a incorporación na axenda cultural de grupos e outras propostas locais, na que amosar todo o potencial creativo do municipio.