O Resurrection Fest volverá do 2 ao 5 de xuño do 2021 e farao con dous dos principais cabezas de cartel anunciados para a edición deste 2020, cancelada por mor do coronavirus. Trátase de System Of a Down e KoRn, aos que se suman Chino Moreno e os Deftones, que volven a España tras dez anos sen actuacións no Estado.
Respecto ao cambio de data, a organización concreta que “a única razón para moverse do fin de semana orixinal foi poder conseguir que o cartel mantivese as expectativas do noso público, o que doutro xeito sería imposible”.
Deste xeito, os promotores do festival de rock duro de Viveiro confirmaron que no 2022 “volveremos ás datas orixinais, pero no 2021 e no medio desta situación extraordinaria, na que moitas bandas acurtaron os seus períodos de xira ou modificárono por razóns alleas ao festival, farase unhas semanas antes”.