O Concello de Foz organiza un ciclo de teatro infantil que se desenvolverá desde este martes ata o 25 de agosto no pavillón do colexio Número 1. Foi presentado polo alcalde, Fran Cajoto, e o concelleiro de Cultura, Héctor Moris.
Os espectáculos serán todos ás 21.00 horas e con entrada gratuíta. Haberá limitación de aforamento e será obrigatoria a asistencia con máscaras.
PROGRAMA
O programa comeza este martes, día 21, con Magín Blanco e a obra ‘A nena e o grilo máis alo‘. As compañías son todas profesionais galegas excepto a do martes 18 de agosto, cando actuará a única amateur, que é o grupo de teatro infantil de A Adala, de Fazouro.
Talía Teatro, con ‘Boa Voa!‘, estará o martes 28 de xullo. En agosto, o luns 3 actuará Caramuxo Teatro, con Pavillón Lino, e o martes 4 Redrum Teatro, con ‘Contos do Recreo‘. O martes 11 Producións Teatrais Excéntricas ofrecerá ‘Cartoóns‘ e o martes 18 o grupo infantil de Teatro A Adala poñerá en escena a obra ‘Dragón e Cabaleiro‘. Pechará o ciclo a maxia de Cayetano Lledó.
O presuposto total desta actividade ascende a 14.000 euros e está subvencionado polo AGADIC, dentro da Rede de Teatros e Auditorios da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e o Concello de Foz.
ALEGRAR “UN VERÁN DISTINTO”
Cajoto explicou que “este ano 2020 é un verán un pouco distinto porque temos que aprender a utilizar a máscara, andar con sentidiño en todos os ámbitos da vida e garantir ese distanciamento interpersoal. Pero non nos podemos esquecer da cultura e en Foz gústanos moito que, tanto para os veciños como para os visitantes, en tempada de verán haxa actividades que fagan aínda máis atractiva a vila e sexan unha escusa perfecta para gozar de Foz”, concluíu.