PROGRAMA
Entre os artistas principais, ademais dos citados, están Onza, True Mountains, Brothers Till We Die, Strikeback ou Wasted Wiltons. Haberá tamén concertos para todos os públicos, como Gansos Rosas (tributo aos Guns N’ Roses) ou sesións vermú gratuítas con artistas locais como Karras Martínez e DJ Llonas, ou Joni Ramos & Sunday Monday Club.
RETRANSMISIÓN EN DIRECTO DA EDICIÓN ONLINE
Ademais, retransmitirase en directo a edición online do Resurrection Fest Estrella Galicia que terá lugar os días 28 e 29 de agosto, festival en streaming que contén un documental especial sobre o Resu, actuacións inéditas e entrevistas exclusivas.
AS ENTRADAS, Á VENDA O XOVES
As entradas para os concertos de pago poñeranse á venda este xoves ás 12.00 horas na páxina web do festival e serán entradas nominativas con asentos previamente asignados, polo que serán persoais e intransferibles.
O FESTIVAL DE GRAN FORMATO VOLVERÁ NO 2021
O Resu volverá do 2 ao 5 de xuño do 2021 e farao con dous dos principais cabezas de cartel anunciados para a edición deste 2020, cancelada por mor do coronavirus. Trátase de System Of a Down e KoRn, aos que se suman Chino Moreno e os Deftones, que volven a España tras dez anos sen actuacións no Estado.

Román Rodríguez, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, que colabora co Resurrection Fest XS, cualificou esta edición como “a máis valente e necesaria para A Mariña”; avogou por atopar solucións “imaxinativas, responsables e atractivas” para o público e subliñou a importancia da responsabilidade no ocio. “No actual contexto, no que os eventos multitudinarios se ven especialmente afectados continuaremos ao lado do sector cultural tratando de apoiar e dar respostas que permitan manter o tecido empresarial neste eido, para que entre todos poidamos repoñernos canto antes”, destacou o titular de Cultura.