Este mércores comeza o prazo para que os grupos tradicionais, corais, e bandas, con residencia ou sede social na provincia, se acollan ao programa Musiqueando, da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, despois da publicación este martes, das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo, de dez días hábiles, permanecerá aberto ata o día 25 de agosto.
O programa Musiqueando 2020 incorpora novidades para adaptar a convocatoria ás necesidades sanitarias e de seguridade, permitindo que moitos concellos e asociacións poidan seguir celebrando as súas festas e mantendo a actividade cultural.
Nesta edición Musiqueando contará cun orzamento de 180.000 euros e a Vicepresidencia asume o 100 por cento do custo total das actuacións.
Por outro lado, a convocatoria establece que, no caso de que as circunstancias sanitarias impidan celebrar as actuacións concertadas ao vivo, os grupos teñen a opción de facer unha gravación audiovisual que a área de Cultura difundirá a través das súas canles dixitais.
“A situación sanitaria está a dificultar a celebración das festas pero hai concellos e asociacións que están facendo un esforzo por manter a actividade cultural, con fórmulas novas, compatibles coas medidas de prevención de contaxios por coronavirus. Desde a Vicepresidencia, queremos recoñecer ese esforzo e apoialo correndo con todos os gastos das actuacións”, sinalou a vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Maite Ferreiro.