A presenza dos narradores orais Quico Cadaval e Cándido Pazó, dous dos máis prestixiosos de Galicia, é un dos principais atractivos da programación cultural do Concello barreirense para os meses de agosto e setembro. Baixo o título ‘Barreiros convídate‘, o goberno local tenta “reactivar a oferta de ocio do municipio” con actividades de diversos tipos, como cinema ao aire libre, actuacións musicais, teatro e contacontos repartidos por diversas parroquias do municipio.
Estes espectáculos estarán dirixidos a todos os públicos e contarán cun número importante de actividades ao aire libre no que se pretende, según o concelleiro de dinamización e participación veciñal, Daniel García, “facer das prazas un lugar de encontro seguro e lúdico ao mesmo tempo”.
Ademais de Pazó e Cadaval, Charo Pita, Óliver Laxe, Amador Arias e artistas locais e comarcais completan o elenco desta programación.

As actividades comezaron o pasado día 3 de Agosto coa proxección da película ‘María Solinha’ de Ignacio Vilar, “todo un éxito de público e crítica”, según o concelleiro, que tamén recalca que serán actos que cumplirán con tódalas medidas sanitarias vixentes.
‘O QUE ARDE’, NUN AGOSTO NO QUE PREDOMINARÁN AS ACTIVIDADES AO AIRE LIBRE
Neste mes de agosto haberá actuacións musicais e cine ao aire libre sendo todas as actividades no exterior (sempre que as condicións metereolóxicas o permitan) entre as que destaca a proxección do filme “O que arde” coa presenza de Laxe e Arias.
SETEMBRO, DEDICADO AO TEATRO
Setembro será un mes adicado ao teatro. Pazó recreará “Memorias dun neno labrego” e Cadaval a obra “Conta… vacas, guerras, porcos e cregos”.
Estas actividades son financiadas con fondos propios do Concello e tamén con axudas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, así como a colaboración da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e os programas Agadic e Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.