InicioCulturaConcertos, entrevistas e un documental sobre a historia do festival animarán o...

Concertos, entrevistas e un documental sobre a historia do festival animarán o Resu online

A edición virtual constará de 12 horas de programación en streaming, seis o venres e outras seis o sábado

Publicada o

- Advertisement -

O Resurrection Fest reencóntrase co seu público este venres e sábado en formato en liña, tras a suspensión da versión mini ou “XS”, que se viu precipitada pola decisión do Concello de non ceder as instalacións para celebralo ante a imposibilidade, segundo expuxo o goberno local, de garantir a seguridade fóra do recinto.

A edición virtual constará de 12 horas de programación en streaming (seis o venres e outro seis o sábado, a partir das 21.00 horas), que se repartirán entre concertos, documentais e entrevistas que repasan a historia do festival de Viveiro. Poderá seguirse a través de Youtube e Facebook.

“Nun ano catastrófico, non podiamos estar sen ofrecer algo á xente que nos apoia. É algo que lle damos porque non sería responsable pola nosa banda estar 24 meses sen ofrecer algo á xente que nos segue mes a mes”, destaca en declaracións un dos responsables deste festival en liña, Esteban Girón.

A DÉCIMO QUINTA EDICIÓN, CON TODAS AS ENTRADAS VENDIDAS, SUSPENDEUSE POLA COVID-19

Como lembra Girón, “as dificultades están no ADN do festival, porque a primeira edición suspendeuse”. O mesmo, aínda que por diferentes motivos, ocorreulle á décimo quinta edición, a que conseguiu sold out nun día e que “parecía que ía ser a mellor na historia do Resurrection”. “Chegou unha pandemia mundial e levou por terra o traballo deste ano e os froitos de todo o traballo acumulado”, lamenta o tamén guitarrista de Toundra.

Girón recibiu en marzo o encargo por parte do director de Bring The Noise, Iván Méndez.

A partir de aí, durante o confinamento, o equipo de comunicación do festival mantivo reunións virtuais cada dous días. “Estabamos ante un folio en branco”, resalta. O produto que saíu deste traballo son 12 horas de programación que, por capítulos, “revisitan” a historia do Resurrection.

“Vai haber actuacións de grandes artistas, entrevistas, algunhas delas inéditas e outras que fixemos durante estes anos, extractos dos grandes concertos do festival e outros que gravaron bandas desde estudos…”, conta Girón.

Entre as entrevistas inéditas atópase unha a Trivium e outra a Parkway Drive, mentres que Angelus Apatrida foi unha das bandas que gravou un concerto para este festival en liña.

O programa tamén inclúe un documental de ‘La Hora Musa‘ de TVE, gravado en 2019, outro de Parkway Drive sobre a súa actuación no Resurrection e un terceiro feito por Jon Sistiaga.

“REVISITAR O RESU”

O fío narrativo de todo este variado contido é a historia do festival, desde 2006 ata 2020. “Foi un traballo bonito nun momento de desesperanza e de incerteza total”, indica Girón. “Para min, foi emocionante ver o que fomos capaces de facer a través da imaxinación e de lanzarnos á piscina”, incide.

O raio e os tronos caídos o ano pasado durante o concerto de Slayer ou como Megadeth viaxou cun avión privado son só dous das anécdotas que conforman a historia do festival de Viveiro.

O documental do Resurrection Fest abordará os seus maiores fitos desde a súa creación en Viveiro por uns mozos de 19 anos que querían levar a este pobo da Mariña de Lugo á súa banda favorita, Sick Of It All.

Entre as actuacións das maiores bandas que pasaron polo festival ao longo dos anos destacan as de Slipknot, Parkway Drive, Slayer, Kiss, Scorpions, Sick Of It All, Rancid, Bad Religion e NOFX, entre outras.

Consulta o programa completo nesta imaxe.

Programa do Resu online. AXM

INICIATIVA SOLIDARIA

Ademais do repaso, Girón subliña que, “en tempos en que non se sabe o que vai pasar, a reflexión” que sacou desta tarefa de elaborar o guión dun festival en liña é que “a riqueza dun país está definida por como a súa xente trata a cultura”.

Así, a pesar da “dificultade” de que “hai moito ruído” en internet, posto que “as bandas rebentaron a rede de contido por e para a pandemia”, entende que para o Resurrection Fest foi “un acerto esperar e facer algo realmente interesante”, aínda que supuxese “un investimento de tempo”.

Esta iniciativa, ademais, terá un fin solidario, e é que a recadación provinte de packs de camisolas e pulseiras “para unha edición que xamais existiu”, así como a campaña de doazóns que se impulsará agora, irá dirixida á Cruz Vermella, para destinar aos afectados pola pandemia da Covid-19.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...