Un monólogo de Quico Cadaval ou a actuación da agrupación de folclore galego Xacarandaina son dous dos atractivos da programación cultural do Concello de Burela, que arrincará coa representación da obra Elisa e Marcela, a cargo da Panadaría. Será este venres, desde as 21.00 horas.
O actor, narrador e dramaturgo Quico Cadaval presentará ‘Os inocentes‘ o venres 19, desde as 21.00 horas. Trátase dun monólogo baseado na Guerra Civil que mestura humor e denuncia social. Patrocinará a actuación Agadic, da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
O grupo de música tradicional e baile galego Xacarandaina, un dos máis representativos de Galicia, actuará o sábado 27, a partir das 20.00 horas. A formación coruñesa traerá a Burela o espectáculo ‘Patrimonio Inmaterial’, un repaso da súa traxectoria -cumpre 40 anos– e das súas achegas, tanto no folclore como no vestido.
PARA NENOS
Outro dos reclamos da programación cultural burelesa será o concerto de Magín Blanco, que ofrecerá ‘Camiños‘, un espectáculo musical para nenos. Será o vindeiro sábado, ás 18.00 horas, con entrada de balde e englobado no Ler conta moito. Dentro deste mesmo programa enmárcase a actuación de Paco Nogueiras, o sábado 20 á mesma hora.
Tamén para os pícaros, o venres 12 haberá teatro de monicreques con Trompicallo. O día 26, ás 20.30, os profesores do Ceip Virxe do Carme de Burela representarán a obra ‘O mítin’.
Ademais, haberá dúas sesións de cine infantil no auditorio (días 14 e 28) e o domingo 14 volverá o rastrillo popular solidario.
PREZOS POPULARES
Os prezos das entradas anticipadas aos espectáculos oscilarán entre os tres e os sete euros. O edil de cultura de Burela, José Díaz, sinala que “presentamos unha programación de gran calidade e quenes queiran poden asistir a todos os eventos por un prezo total de 20 euros“.