A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, copresidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade, que se reuniu na Casa do Concello para analizar o dispositivo de seguridade previsto con motivo da celebración das festas das San Lucas, que este ano terán -do 16 ao 20 de outubro- unha versión reducida por mor da pandemia do coronavirus. Na reunión tamén participaron os representantes da asociación organizadora, entre eles o presidente, Miguel Souto, e responsables da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.
A subdelegada do Goberno pediulle aos mindonienses e aos visitantes “que sexan respectuosos coa normativa” e “os protocolos sanitarios establecidos pola Xunta” e que atendan todas as indicacións que lles dean os organizadores e o Concello.
Segundo anunciaron os organizadores, esta edición da festa das San Lucas incluirá diversas actividades con aforamento limitado e non se vai celebrar a tradicional a feira de gando nin tampouco a conseguinte baixada dos cabalos ata a Praza da Catedral.
O VENRES, PREGÓN DE XAN CARBALLAL
“As San Lucas levan connosco desde 1156 e vémonos na obriga de manter a tradición, cun programa adaptado ás circunstancias, que obviamente non é o que pretendiamos”, lamenta Souto, quen con todo lembra “que nun momento de pandemia, sempre cumprindo cos protocolos para evitar contaxios e garantir a seguridade, tamén é necesario animar á xente”. Así pois, en todas as actividades o aforamento “será controlado”.
Os festexos comezarán o venres co pregón (20.45 horas) de Xan Carballal, o premiado director da escola de música O Pallarego. A recepción será nos xardíns de Álvaro Cunqueiro, na cabeceira da Praza da Catedral. O aforamento será do 40%.
O sábado, día das vésperas, renunciarase á baixada dos cabalos ante a complexidade de controlar o aforamento. Pero o équido seguirá sendo protagonista, pois si haberá un concurso de andadura serrada-chapeada de cabalos trotóns, no recinto da granxa, a partir das 11.00 horas. “Haberá un percorrido de entrada e saída, con paneis informativos para manter as distancias, e os participantes xa están inscritos”, explica Souto. Pola tarde manterase a mostra folclórica, pero en lugar de actuar os grupos no mesmo sitio farano a modo de pasarrúas, a fin de evitar aglomeracións.
O SÁBADO, CONCERTO DE XOSÉ LOIS ROMERO E ALIBORIA
Outra das actividades que se manterá é o videomapping, con dúas pezas audiovisuais e en diferentes quendas (20.15 horas). “Unha delas ten que ver coa historia das San Lucas e outra coa relación das feiras e festas co Camiño Norte“, expón Souto.
ACTIVIDADES BAIXO INVITACIÓN E CON AFORAMENTOS REDUCIDOS
O sábado tamén se celebrará é un concerto de música de raíz tradicional galega, da man de Xosé Lois Romero e Aliboria (20.30 horas). Servirá como presentación de ‘Latexo‘, último traballo do grupo. Ao remate haberá outro videomapping. As pezas audiovisuais poderán verse ademais nunha segunda sesión, ás 23.00 horas. As invitacións para as actividades deben solicitarse ben na oficina de turismo ben na páxina web do evento.
O DOMINGO, DÍA GRANDE
O domingo, o día grande dos festexos, haberá un concurso morfolóxico de cabalo galego e tamén unha exhibición de doma, tamén no recinto da granxa. Mantense ademais a homenaxe a Pascual Veiga no cemiterio vello. Pola tarde celebrarase un concurso de andadura serrada-chapeada e presentarase o novo libro do cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, ‘Contrahistorias de Galicia‘ (auditorio, 19.00 horas). Á noite haberá unha actuación musical dun trío na Alameda e a organización disporá unha sesión de fogos artificiais que se poderá seguir desde os balcóns.

O LUNS, MAXIA E TÍTERES
O luns comezará coa tradicional misa na catedral; haberá pasarrúas e sesión vermú cun dúo -que volverá actuar ás 20.00 horas-. Ademais, o programa inclúe maxia e unha actuación de Micronimia Títeres, baseado nas cantigas de Alfonso X.
Xosé Vizoso, como non, encargouse do cartel dunhas feiras e festas que son para Mondoñedo “os nosos Xogos Olímpicos, a mellor campaña publicitaria e de promoción que levan o nome desta cidade do interior máis alá das nosas fronteiras”.