As IV Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro estanse desenvolvendo ao longo desta semana mediante modalidade on-line, como consecuencia das medidas e restriccións establecidas pola Covid-19, e coa presenza de representantes da FEDAS, da Xunta de Galicia, da Armada e da UNED.
No ecuador das mesmas, o goberno municipal fai un primeiro balance público moi satisfactorio da súa repercusión e do éxito de convocatoria, facendo fincapé no elevado número de participantes.
As circunstancias actuais condicionaron a súa organización, pero grazas á súa celebración on-line trátase da edición máis internacional. Ademais dun gran número de oíntes de Viveiro, da Mariña e do resto de Galicia, hai participantes doutras comunidades autónomas da xeografía española e de puntos tan dispersos como Suecia, Italia, Portugal, México, Arxentina ou Brasil.
O Concello considera que se trata “dun éxito absoluto” a cifra de “máis de 250 inscritos que poden seguir a súa programación tanto en directo como en diferido, ademais de utilizar o chat das xornadas para formular preguntas e intercambiar opinións”. Deste xeito, o executivo municipal conclúe que “se conseguiu consolidar unhas xornadas de repercusión internacional“.