InicioCulturaXabier Díaz: "o folclore non é unha postal do pasado, é algo...

Xabier Díaz: “o folclore non é unha postal do pasado, é algo vivo”

O músico coruñés presenta en Burela o seu último disco, 'Noró', no Día das Letras Galegas

Publicada o

- Advertisement -

Xabier Díaz atende á hora da sesta -non para el nin para o entrevistador- e a conversa flúe mansa e gorentosa, como a súa música. O músico coruñés presentará hoxe en Burela (casa da cultura, 19.30 horas) ‘Noró‘, o seu último traballo. No disco repite coas Adufeiras de Salitre, unha formación que vén de axitar a música popular galega.

Levaba tempo sen actuar na Mariña, máis aínda co proxecto propio. A última vez foi con ACadaCanto, no 2013. 

Si. Volver é unha decisión persoal. Hai algún tempo que cambiei certas dinámicas do meu traballo para camiñar cara unha certa independencia. Teño a sensación de que algúns músicos fomos ás veces suxeitos pasivos, de que agardabamos demasiado a que nos chamasen, e decidín dar un paso adiante. Tiña que vir, tiña que presentar o meu proxecto aquí.

Presenta un novo disco, ‘Noró’ (2017)-, pero tamén unha sonoridade nova, a que acadou coas Adufeiras de Salitre desde ‘The tambourine man’ (2015). Once mulleres cantan e tocan a percusión nesta formación. Que lle achegan? 

Foron un chute de enerxía, unha lembranza de que un é capaz de emocionarse de novo. Velas, o solidarias que son, como desfrutan dos momentos, das viaxes, dos concertos, é moi enriquecedor. Cando un ten unha carreira de varios anos, hai unhas certas inercias. Elas non che transmiten ningún cansanzo, ningún fastío. Despois de ‘Coplas para Icía’ (2007), viñeron dous transatlánticos, a Nova Galega de Danza e Berrogüetto, moi potentes, de moita creación, e tamén moi esixentes. Creo que o que fago agora ten unha conexión co meu anterior traballo, con aquela frescura. Penso que hai unha continuidade.

“IMOS A CONTRAcorrente, CUN FORMATO DE BANDA CANDO ABUNDAN OS PROXECTOS MINIMALISTAS”

A crítica interpretou os seus dous últimos traballos como unha reivindicación da percusión fronte á gaita, e tamén do papel da muller na música tradicional galega. Foi meditado?

Sucedeu máis ben por casualidade. Elas eran as miñas alumnas en aulas de adufe e pandeiro e pouco a pouco formouse o proxecto. O que pretendo é facer xustiza á música cantada deste país. E celebrar o legado de docencia das mulleres, que me ensinaron tanto. Gústame que esa débeda se convertera nalgo formal. Hoxe en día quen me chama quere a Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre. E imos un pouco a contracorrente, cun formato de banda nun período no que, pola crise, case que só hai propostas minimalistas. Estou moi contento con esta ensemble e quero destacar a Gutier Álvarez (zanfona e violín) e Javier Álvarez (acordeón diatónico), que son grandes músicos e fundamentais para nós.

Entre As Adufeiras de Salitre hai representación mariñá, unha que xoga na casa.

Si, Iria Penabad, de San Miguel de Reinante. É a rapaza que inicia ‘Unha fala e un cantar’. Gran cantante, sempre ben afinada, e gran percusionista, e unha moi boa persoa. É unha bandeira magnífica para a música da Mariña.

NORÓ

Que é ‘Noró’?

‘Noró’ é o noroeste peninsular. O subtítulo do disco fai referencia a “algunhas músicas do Noroeste” porque é unha escolla, unha perspectiva. Pareceume que temos un imaxinario musical similar e no álbum hai pezas da Fonsagrada, Zas ou Vimianzo, pero tamén algunhas de Sanabria, León ou Asturias, que non tiñan moita visibilidade e que merecían que alguén as defendese nos palcos.

“NON CANTO COPLAS MISÓXINAS. AS MULLERES PIDEN OUTRO PAPEL E FANO DESDE A ATALAIA DA XUSTIZA”

‘Voa o aire’ parece escrita para os nosos días de precariedade. A súa música está baseada na tradición, pero ten unha sensibilidade pop, dialoga co presente.

Quizais esa canción vai por aí. Os maiores dicíanme sempre cando ía de recollida: non tiñamos nada, pero eramos máis ‘adivertidos’. Non concibo o folclore como unha postal do pasado, unha mera reproducción, senón como algo vivo. Antes non podiamos ir tocar á sala Capitol de Santiago, era como un tabú; agora a xente vén, enche o local, canta con nós. Iso é o mellor de todo.

Tamén renunciou a cantar letras machistas.

Non contemplo cantar coplas misóxinas. Nos últimos trinta o corenta anos, o noso concepto da tradición, do folclore, estivo viciado, condicionado, por unha dictadura, un pouco ao xeito da Transición; díxosenos que fora modélica e que os políticos foran xenerosos e agora sae toda esta corrupción. Daquela, había unha sección feminina que dicía como debían comportarse as mulleres e no seu momento, xa en democracia, non se foi rupturista con isto. Non podemos permanecer alleos aos cambios sociais e que penetren na nosa música tradicional vai ser algo positivo, liberador. As mulleres están a pedir outro papel na sociedade de fano desde a atalaia da xustiza máis absoluta. 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...