O cómico ourensán Serxio Pazos ofrecerá o vindeiro sábado, 21 de novembro, ás 19.00 horas no salón de actos da casa da cultura de Alfoz, o monólogo ‘Contaxiándonos de humor‘.
Segundo a sinopse do espectáculo, “un galego recoñecido, ou recoñecible segundo se mire, atrévese a analizar unha realidade tan próxima e tan afastada como a que conforma España. No seu percorrido retranqueiro desta realidade, Serxio Pazos reflexionará sobre os monólogos e de por que el non os fai (ou si), sobre xeito de sermos os galegos e ou sobre a idiosincrasia de Mariano Rajoy (que é galego ao 100%). Tamén esmiuzará a apocalipse, os recortes e, sobre todo, falará da crise: da Casa Real, dos políticos, do Goberno, entre outras cousas. É que se non conta todo iso… Rebenta!”, expón a promotora.
INSCRICIÓNS
A entrada é gratuíta, previa reserva en persoa na Casa do Concello (Oficina de Rexistro) ou no teléfono 982.55.80.01 (extensión 3) ata completar o aforamento máximo de 50 persoas. Será “unha hora de risas aseguradas”, destaca a concellería de Cultura, subvencionada a través do Plan Único da Deputación Provincial de Lugo.