O vindeiro día 30 de novembro remata o prazo para participar no primeiro concurso de fotografía Alfoz no Outono, organizado polo Concello con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo. Unha cita que segundo explica a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Arantxa Incera, convida a redescubrir co obxectivo da cámara os lugares máis singulares dun municipio que ten moito que ofrecer a nivel turístico.
OBXECTIVOS
E a primeira edición do concurso. Cales son os seus obxectivos?
Dous principais. Por un lado, hai cantidade de xente que se dedica á fotografía de modo afeccionado pero que quita fotos cunha calidade moi boa, iso vese a diario nas redes. Teñen unha visión creativa que lles fai captar a luz, detalles que non se soen percibir, mesmo o paso do tempo a través de imaxes quitadas nun intervalo dalgúns minutos de tempo. Nunca fixeramos un concurso deste tipo e así teremos un fondo fotográfico de moito nivel para publicitar turisticamente o concello.
Por outra banda, o concurso move á xente a desprazarse para sacar as fotos, e tamén a descubrir lugares novos onde buscar esas imaxes. O Castelo do Castrodouro é sen dúbida unha referencia e por suposto entra nas posibilidades, pero hai outra serie de recunchos menos coñecidos que pagan a pena. Pensamos que hai xente que vai investigar que se pode atopar aquí, de xeito que nos parece un estímulo turístico tamén. Os amantes deste campo soen desprazarse moito, pero incluso os propios alfocegos poden redescubrir sitios aos que quizais non lles dás a importancia que teñen.
Poden participar concursantes de 16 anos en diante.
A xente nova soe participar moito. Tivemos dúbidas de se facer dúas categorías diferentes, pero rebaixamos a idade de concursar aos 16 anos porque hai moita rapazada á que lle gusta a fotografía. Son unha xeración que está moi familiarizada co Instagram e con redes sociais moi visuais.
REDESCUBRIR LUGARES
Mencionaba o Castelo do Castrodouro, referente patrimonial do municipio sobre o que se artella tamén o turismo, cunha festa medieval moi arraigada. Que outros lugares destaca de Alfoz?
A Fervenza do Escouridal é impresionante, acabamos de instalar un miradoiro que creo que a potencia. A Pena Abaladoira tampouco se pode perder. Alfoz é un municipio de moitos contrastes, porque percorres dez quilómetros e estás en plena Serra do Xistral. Entón tes paisaxes moi variados; o río Ouro, a Frouxeira… E o patrimonio artístico é moi importante. Alfoz e O Valadouro, o val de Lourenzá por extensión, foron zonas de descanso, de “veraneo”, cando Mondoñedo estaba no seu auxe como cidade a nivel histórico, e esas pegadas quedaron nas construcións: hai moitísimos pazos. Tamén igrexas e cruceiros, e recursos prehistóricos. Si que están descubertos e documentados, pero temos que promocionalos como é debido.
Teñen claro xa como van utilizar esas fotografías, algún proxecto que se poida adiantar?
Pensamos ou ben en facer unha exposición ou ben utilizalas para outras fins, como un calendario ou a potenciación da páxina web. A exposición si que estaba na nosa mente desde o principio, imprimilas nun tamaño axeitado e mostrarllas ao público.
O TURISMO, EN CRECEMENTO
A Covid-19 tivo un impacto enorme na nosa forma de movernos e de facer turismo. Como cre que pode afectar, positiva ou negativamente, a Alfoz?
Penso que Alfoz é un lugar moi tranquilo, sen aglomeracións. E ademais xeograficamente está a un paso da costa. A verdade é que este ano notamos desde que abrimos a oficina de turismo, hai uns días, un goteo incesante de visitantes durante sábados e domingos. Os turistas buscan o rural, facer sendeirismo, non estar pendente desas limitacións de aforamento que desgraciadamente nos tocan afrontar. Así que penso que podemos ter as nosas vantaxes neste contexto, e si que notamos un incremento, de xente de fóra e tamén de preto; estamos a tiro de pedra de Mondoñedo, de Foz… E vemos como vén xente da Mariña ou da provincia, mesmo cando non poden vir persoas de Asturias, que habitualmente supoñen un número importante.
Queda unha fin de semana para participar, e semella que con bo tempo.
Quedan días, estamos tendo un tempo bastante aceptable. O outono ten tamén a vantaxe dun tempo variable, de xeito que os participantes poden xogar non só coas tonalidades típicas senón coa chuvia ou coa néboa, que é impresionante desde o alto da serra do Xistral. Ademais Alfoz queda a tiro de pedra, a un paso de Foz ou Mondoñedo. Penso que os premios son ademais bastante interesantes, dentro das nosas posibilidades.
INSCRICIÓNS
Os concursantes poderán presentar un máximo de dúas fotografías, non premiadas noutros concursos, desde o 2 ata o 30 de novembro, enviándoas ao correo turismo@concellodealfoz.com ou presencialmente na oficina de rexistro da Casa do Concello.
As bases completas e o modelo de inscrición están dispoñibles na web municipal -en concreto, na sede electrónica e no apartado actualidade/novas-. Para máis información poden escribir ao correo de turismo ou chamar ao teléfono 982.55.80.01 (extensión 2).
Establécese unha única categoría á mellor fotografía con tres premios, por importe de 300, 200 e 150 euros e o correspondente diploma.