InicioCulturaO Vicedo prepara un desfile de Samaín pioneiro na Mariña

O Vicedo prepara un desfile de Samaín pioneiro na Mariña

Viveiro, Cervo, Foz ou Ribadeo tamén se suman á recuperación desta festa de orixe celta con diferentes actividades

Publicada o

- Advertisement -

O Vicedo ultima os preparativos dun Samaín pioneiro na Mariña e na provincia de Lugo. Na Casa da Cultura tallaban este martes os calabazotes que han adornar as rúas para un desfile que cumpre dezaseis anos.

“Daquela o Samaín era algo bastante descoñecido. En Galicia só se celebraba en Cedeira. Nin sequera se falaba de Halloween!”, explica Jose Antonio Quelle, técnico de cultura.

Quelle tomou nota dun obradoiro de talla de cabazas organizado pola asociación de nais e pais do colexio. “En lugar de facer a típica exposición, decidimos organizar un desfile”, comenta.

Aquel primeiro pasarrúas abriuse cunha cabaza xigante de cartón pedra que paseou pola vila colocada enriba dun coche. Un sinal de identidade que manteñen dun ano para outro.

Preparativos da festa. AXM

Pero o singular do desfile son os atavíos dos participantes, que pasean vestidos con sabas ou camisetas brancas para seren vistos na escuridade e impregnar a noite do halo fantasmagórico que caracteriza o Samaín.

Alumean o paso coas cabazas que, agora, prepara cada quen na casa. As nenas e nenos seguen a ser as principais protagonistas pero o evento congrega cada vez máis persoas adultas, que se suman a un evento “humilde pero que se mantén”, reivindica Quelle.

Este mércores, o desfile arrincará ás 20.00 horas e percorrerá, como cada ano, as principais rúas do centro do Vicedo ata chegar a Casa da Cultura onde a noite continuará con castañas e chourizos.

VIVEIRO

O Salón Multiusos do Concello de Viveiro acollerá mércores e xoves varios obradoiros de manualidades. Os participantes poderán realizar bolsas mostruosas, tallar cabazas, deseñar máscaras e cociñar.

CERVO

A asociación Fervenza de Sargadelos organizará este xoves a primeira edición do Samaín de Cervo, cun festa e un concurso de disfraces. Cada participante no certame deberá ir disfrazado e levar unha cabaza personalizada para a ocasión.

O evento, que se celebrará no Ecomuseo Terras de Azul Cobalto, abrirase coa actuación do Mago Pi e, antes do concurso, que comezará 20.30 horas, os asistentes poderán desfrutar dunha chocolatada.

As actividades relacionadas co Samaín continuarán ata o domingo con actividades organizadas polo Concello de Cervo e dirixidas aos máis pequenos.

O xoves a partir das 18:00 horas celebrarase a Gran Festa Infantil de Samaín na Casa do Mar de San Cibrao.

O sábado pola mañá, haberá unha sesión de contos de medo na biblioteca e, o domingo á tarde, proxectarase o filme “Coco”, unha cinta animada inspirada na festividade do Día dos Mortos, na Casa da Cultura.

Samaín en Cervo. AXM

Ademais, a Asociación de Amigos da Troula organiza o venres unha cea que ha rematar cun baile na Casa do Mar de San Cibrao e premios para as persoas mellor caracterizadas para a ocasión.

FOZ

A agrupación de baile tradicional O Feitizo engrosa a axenda do Samaín na Mariña cunha festa na Sala Bahía o xoves á tarde. Ademais de música e baile, haberá un desfile e unha subasta de cabazas.

RIBADEO

A Concellaría de Xuventude e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organizan unha festa de Samaín na que haberá obradoiros de decoración de cabazas, maquillaxe de terror, elaboración de bruxas de pau, xogos tradicionais e desfile e baile de disfraces Truco ou Trato con discoteca móbil.

As actividades realizaranse o venres a partir das 16:30 horas no pavillón de deportes de Ribadeo.

O ambiente de Samaín xa se respira desde hai días nos centros escolares con cabaceiras talladas e decoradas nos corredores e nas aulas, acreditando a crecente popularidade desta tradición de orixe celta.

Samaín da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental. AXM

Outros colectivos como a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña sumáronse tamén á celebración. Este martes, na Unidade Residencial de Cervo, organizaron unha festa e un concurso de baile, que rematou con premios e unha comida de confraternidade.

 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...