A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo publica ‘O labirinto do Imperio Secreto‘, escolma dunha vintena de artigos publicados entre 1959 e 1976 da serie xornalística máis enigmática do escritor mindoniense. A edición da obra estivo ao coidado do xornalista Miguel González Somovilla, responsable do volume ‘Al pasar de los años’, que recolle 200 artigos do autor de ‘Merlín e Familia’.
‘O labirinto do Imperio Secreto’, impreso o 22 de decembro de 2020 para conmemorar o natalicio do literato mindoniense (1911-1981), ofrece unha antoloxía de vinte artigos en castelán, publicados en distintos medios entre 1959 e 1976. A través destes
textos, o autor recrea unha sociedade imaxinaria, distópica, con cidadáns que habitan un suposto Imperio Secreto rexido por sucesivas dinastías de gobernantes. Estes mandatarios, auxiliados por conselleiros poéticos e cantores do outono, contan co apoio de distintos organismos e departamentos: o Consello do Azar, a Chancelería Imperial de Graos e a Cámara de Xadrez, entre eles. A súa capital, temporal e «invisible», está situada no santuario lucense de Santa María do Cebreiro, unha referencia obrigada da ruta xacobea.
O ‘IMPERIO SECRETO’ FOI UN “REFUXIO E LUGAR DE OBSERVACIÓN”
Somovilla, autor de distintos traballos sobre Cunqueiro, preparou durante estes meses de pandemia o libro expresamente para a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, que coordina o profesor e crítico literario Armando Requeixo. A obra partiu dunha suxestión de César Cunqueiro, fillo do escritor.
O primeiro artigo da serie dedicada ao Imperio Secreto (un total aproximado dunha trintena de textos) foi tecleado por Cunqueiro en Mondoñedo, na máquina Smith Premier herdada do seu pai, que se pode ver na casa-museo. Publicouse no desaparecido diario La Noche de Santiago de Compostela o 10 de decembro de 1959, baixo o título ‘El Imperio Secreto y los esclavos‘. O asunto, segundo relata o propio Cunqueiro, está inspirado nun propos (breve comentario) do filósofo Émile-Auguste Chartier (Alain) na Nouvelle Revue Française, recollido no número correspondente a novembro de 1929.
ABORDA TEMAS COMO O RACISMO, AS ELECCIÓNS, A DESIGUALDADE OU A CENSURA
Dende entón, e con algunhas intermitencias, Cunqueiro non deixou de lle dar voltas ao seu Imperio Secreto ata mediados dos anos setenta. A última columna incluída nesta serie, ‘Elecciones en el Imperio Secreto‘, veu a luz o 11 de febreiro de 1976 na revista Sábado Gráfico. O Imperio Secreto serviulle a Cunqueiro “como refuxio e lugar de observación”, sinalan desde a casa-museo nun comunicado de prensa.
“Dende esta trincheira imaxinaria puido opinar e ironizar sen atrancos sobre cuestións moi diversas. E fíxoo nun país real, España, onde algún dos asuntos tratados neses artigos —xenofobia, racismo, tecnocracia, eleccións, espionaxe, desigualdade, censura— eran aínda auténticos tabús. Con todo, constatar tales evidencias non permite inferir con seguridade que Cunqueiro —que ofreceu sobre a serie escasas explicacións e sempre tanxenciais— pretendeu exercer determinada crítica social e política co Imperio Secreto ou só o escribiu como pasatempo e exercicio literario. Ambas as dúas posibilidades parecen
verosímiles e non son necesariamente contraditorias nin excluíntes”, remarcan as mesmas fontes.
UNHA MOSTRA “BREVE PERO REPRESENTATIVA” DO XORNALISMO ‘CUNQUEIRIANO’
“Esta vintena de columnas do Imperio Secreto constitúe unha mostra breve, pero moi representativa, do xornalismo cunqueiriano, esencial no conxunto da súa obra literaria. Os artigos de Cunqueiro publicados en periódicos e revistas ao longo de medio século poden lerse, como adoita dicir o seu fillo César, como ‘un inmenso diario’ entre 1930 e 1981″, salientan os responsables da publicación.
Un diario no que “sempre hai unha fiesta aberta á esperanza neses miles de artigos escritos por Álvaro Cunqueiro”, resaltan desde a casa-museo, citando ao autor a modo de conclusión: “los mandarines pedían a los súbditos que se aferrasen a sus sueños, y acariciasen en sus corazones la ilusión de días alegres y luminosos. De los fondos imperiales se pagaba una secta que sostenía que la Edad de Oro, cantada por los poetas antiguos y explicada por Don Quijote a los pastores, todavía no había acontecido”.